Este privilexio callou, na data devandita, no regalo dunha preciosa conferencia da que sorprende tanto a perfección do gradual avance pola historia como o lirismo que a impregna, ou como a capacidade investigadora do autor.
Non sabemos cando se asentou no estro de Álvarez Blázquez a idea de ganduxar citas poéticas de todas as épocas para renderlle tan emotiva homenaxe a Baiona; o seu fillo Celso Álvarez Cáccamo está preparando a edición, en Laiovento, dun volume de estudos en galego de seu pai e nas súas pescudas descubriu un recorte do xornal de Madrid “La Opinión” de 20 de agosto de 1886 no que Blanco Asenjo, en carta ao director, dá noticia, entre outras, da existencia dunha cita de Baiona nos versos de Milton. Celso pensa que este achado puido ser o xerme para a redacción do artigo “Baiona do Miñor, nos versos de Ariosto e Milton”, publicado en “La Noche” o 7 de xaneiro de 1950, e que á súa vez sería o antecedente da conferencia de 1964, despois de sometido a unha máis esmerada elaboración e enriquecido con novas achegas.
A conferencia péchase maxistralmente cunha cántiga popular, leonesa segundo a “Antología de Cantos Populares” de Fermín Irigaray (1954), que xoga co dito coloquial castelán “Arda Bayona” para facerlle un canto exquisitamente lírico ao amor erótico.
O xoves, 8 de maio, ás 20:30h. na Biblioteca Pública r/ Manuel Valverde nº 6 de Baiona terálugar a presentación pública desta Crónica rimada de Baiona e o seu mar coa que Xosé María Álvarez Blázquez agasallou á vila miñorana. No acto tomaran a palabra Miguel Anxo Mouriño, director da Sección de Filoloxía e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos que se encargou da edición e traducción así como do escritor e poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do homenaxeado neste Día das Letras Galegas.
Intervirá tamén o Conxunto instrumental do CPI Covaterreña de Baiona dirixido polo profesor David Piñeiro que interpretará tres das pezas instrumentais que se recollen no CD Músicas de primavera que rematan de gravar e que estará no mercado a partir do día 15 deste mes.
O acto será conducido por Alicia López Pedreira, membro do Instituto de Estudos Miñoranos