Martes, 10 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde A coliflor, unha verdura fonte de alimento e saúde

A coliflor, unha verdura fonte de alimento e saúde

Correo-e Imprimir PDF
cauliflower-59097 1280

A coliflor é unha desas hortalizas de inverno que alcanzan co frío o mellor dos seus sabores. Amais das súas propiedades gastronómicas e a versatilidade que ten para enriquecer moitísimas receitas, ten propiedades salutíferas que debemos aproveitar.

Segundo explica Dani Armengol de Antela Saúde, comer coliflor é san e está indicado para todas as persoas, especialmente fervida ou cocida ao vapor, xa que apenas contén graxa e carbohidratos e en cambio ten gran poder saciante e unha boa combinación de vitaminas A, B, C e E. Unha ración de 250 gramos de coliflor ao vapor, por exemplo, contén 62,5 kilocalorías. Para facérmonos unha idea, 100 gramos de arroz cocido conteñen 360 kilocalorías.


Cando a consumamos doutro xeito (gratinada, rebozada, salteada con aceite ou salsa de soia) debemos ter en conta que aumentará o seu contido calórico. Combina moi ben en revoltos de ovo, con peixe ou carne esmiuzada ou simplemente nunha ensalada morna con aceite de oliva, follas tenras de leituga e o zume de medio limón.

A coliflor demostrou moitas calidades, entre elas que serve de profiláctico natural contra o cancro de colon. O cancro de colon é un dos máis temidos e ten unha peculiaridade, segundo os especialistas. Pode ser hereditario. Segundo estudos recentes, a coliflor e outras crucíferas conteñen unha alta concentración de glucósidos sulfurados, composto que se mostrou eficaz en probas de laboratorio na protección contra tumores.

Ademais, tomar coliflor habitualmente está indicado en persoas con retención de líquidos, xa que este vexetal é diurético e depurativo. Pode ser un dos alimentos escollidos nunha dieta de desintoxicación, fervido en auga con sal e cun bo xorro de aceite de oliva xa no prato sobre a mesa.
Sen saír das dietas, a coliflor non pode faltar en calquera dieta de adelgazamento. Ten gran poder saciante e un sabor doce moi agradable a pesar do seu baixísimo contido en carbohidratos.

Só ten unha contraindicación. As persoas con tendencia a acumularen gases intestinais deben ter conta xa que o alto contido de celulosa da coliflor pode provocar flatulencias.
Por certo, nos nosos supermercados cada vez máis se vende unha variedade da coliflor de cor verde, o romanesco. Tamén a hai de cor morada aínda que en Galicia non se vende habitualmente.

Do xornal colaborador Galicia Confidencial