Xoves, 22 Aug. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde FADEMGA denuncia a falta de apoios da Xunta ao servizo San Francisco para persoas con discapacidade mental.

FADEMGA denuncia a falta de apoios da Xunta ao servizo San Francisco para persoas con discapacidade mental.

Correo-e Imprimir PDF
san francisco coia

Con máis de 15 millóns de euros foron beneficiadas a través de axudas, préstamos e concertos do Estado e Xunta, dúas empresas privadas para a prestación de servizos a persoas discapacitadas en Galicia. Pola contra, a asociación sen ánimo de lucro San Francisco, con sede no barrio de Coia (Vigo), podería ter que pechar tras 47 anos de servizo ante a falta de axudas para acondicionar as súas instalacións. 

FADEMGA  advirte que a medida afecta a 73 pacientes e 20 traballadores que non serían acollidos polas novas empresas.

O futuro incerto dun servizo social galego sen ánimo de lucro.

A Asociación Galega San Francisco (AGASFRA) leva ofrecendo os seus servizos a persoas afectadas por Síndrome de Down en Vigo dende 1967. É unha entidade sen ánimo de lucro pioneira en Galicia, que nestes momento presta atención a un total de 73 persoas. Porén, o seu futuro é máis que incerto. A Xunta, que mantiña dende hai anos un convenio con AGASFRA para a prestación deste servizo, adxudicoullo nesta ocasión a unha empresa privada, Residencia Doral, con sede en Mos.

Nun recente concurso público (anteriormente estes servizos prestábanse en Galicia a través de contratos discrecionais), unha entidade que "optou e obtivo unha mellor cualificación técnica e económica", segundo destacou Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar.

Na maior parte de Galicia os centros orixinais mantiveron a concesión, pero non foi o caso de Vigo. Segundo a versión da Xunta, AGASFRA non pode manter a concesión porque "as instalacións non están adaptadas ás necesidades do colectivo” e afirma que "para concursar é necesario contar co PIA (Proxecto Individual de Atención) definitivo", e non cun provisional, como é o caso do centro San Francisco.

FADEMGA desminte a versión da Xunta de Galicia.

Porén, a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga) desmente a versión do Goberno galego, e nun comunicado feito público o pasado xoves asegura que "a inmensa maioría das entidades que no seu día pasaron de subvencións ao modelo de contrato, asinaron contrato coa Xunta con PIAS provisionais" e engade que nalgúns casos esa situación se mantén.

Danza de millóns do Estado e Xunta á empresas privadas do sector.

Este martes, FADEMGA tamén fai público a forma en que o Estado e Xunta de Galicia consignaron préstamos e convenios favorecendo a empresas privadas con fines de lucro por enriba de colectivos que non os ten como é o caso de San Francisco. Nomeadamente, sinalan que Doral Residencias recibiu en febreiro deste ano un préstamo ordinario de 1.5 millóns de euros do SEPIDES. Empresa cuxo único accionista é a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), organismo público dependente do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas do Estado Español.

Engade outro exemplo, o caso da empresa Bóveda (Asistencia Integral Personalizada) beneficiada cunha achega en 2012 de 4 millóns de euros do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Xunta de Galicia. Este “centro privado que se financia con diñeiro público”, segundo FADEMGA, ademais obtivo dun concerto coa Concellaría de Benestar e Traballo, 10 millóns de euros a partir de 2012, a razón de 2.6 millóns anuais até o ano 2016. Concerto asinado nun procedemento “negociado sen publicidade e con exclusividade “, sinala FADEMGA.

A sorte da asociación San Francisco foi outra.

A Xunta non achegou axuda algunha para as melloras en infraestruturas que lle esixía ao colectivo en plena crise. Só 21.300 euros “pendentes de concesión” poderían chegar dende o Ministerio de Sanidad do Estado.

 “Grazas Sra. Conselleira polo apoio amosado á entidade sen ánimo de lucro San Francisco”, ironiza o escrito de FADEMGA en relación á xestión neste tema da conselleira Beatriz Mato Otero.  Lémbralle á responsable de Benestar e Traballo que a Xunta esixe que “entidades sen ánimo de lucro asuman reformas que impón a lei sen un mísero apoio económico, en plena crise e cos apoios das obras sociais das caixas galegas totalmente desmanteladas”.

Pacientes e traballadores de San Francisco mobilizados na defensa dos seus dereitos.

A Asociación Galega San Francisco, con sede en Coia, leva semanas mobilizándose ante a decisión do Goberno galego (unha campaña en change.org recolleu xa 62 mil apoios) e xa a recorreu pola vía contencioso-administrativa. Os seus responsables denuncian que "as 73 persoas con discapacidade intelectual deste centro veranse obrigadas a trasladarse a outra localidade, ademais de cambiar de coidadores". Engade que a adxudicación tamén faría perigar "o posto de 20 traballadores, xa que dende a Consellería de Benestar nin sequera se garante que a nova adxudicataria manteña o posto destes traballadores".

A retirada da concesión non só afecta a este centro, senón de rebote a outros dous que a entidade xestiona na cidade, que terían tamén que pechar, pola limitación de recursos económicos resultante. A Asociación denuncia "o atropelo da Xunta aos nosos fillos, aos que nin sequiera se lles consultou e aos que se está tratando como mercadoría ao sacar a concurso as prazas que ocupan no centro de Coia".

Unha manifestación percorreu as rúas de Vigo o pasado 30 de setembro, e este martes  unha nova concentración foi convocada  fronte á sede do Partido Popular en Vigo, na rúa Areal.

 

- Información recollida no medio colaborador PrazaPública