Martes, 23 Apr. 2019

Actualizado11:03:00 AM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia O lume antropoxénico

O lume antropoxénico

Correo-e Imprimir PDF
Juan Antonio Añel, experto en cambio climático
Lume intencionado en Donas o ano pasado. Imaxe VM.info
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte


O investigador en cambio climático Juan Antonio Añel Cabanelas advirte neste artigo de como o home está creando as condicións para que os lumes forestais cada vez sexan máis virulentos.

Juan Antonio Añel Cabanelas é un investigador ourensán que traballa na Universidade de Oxford en investigación climática e valoración de riscos para políticas de adaptación. Tamén é o coordinador científico de Climateprediction.net e traballa no proxecto ExCirEs da Universidade de Vigo.

Xa estamos nesa época do ano na que os nosos montes se ven ateigados de lumes. Fai unhas semanas tivemos o primeiro gran aviso con 200 hectáreas calcinadas na Serra da Lastra e tamén xa tocou en A Gudiña, Noia, Ribeira, na Capela ou Chantada.
 
Cos lumes chega o eterno debate: que se os medios destinados para apagalos son insuficientes,  que é ben mellor destinar os cartos a unha axeitada política de xestión medioambiental dos nosos montes e menos se queimaría, se os lumes son provocados, etc. Todo elo ben aderezado con declaracións de políticos (auténticos pirómanos parlamentarios nalgúns casos), ¿oportunistas? subvencións a medios de comunicación e imaxes en prensa que na rede dan xogo ata para ilustrar éxitos musicais como «ahí viene el bombero con la manguera...» .

De cada 100 lumes forestais en Galicia 95 son intencionados
 
Penso eu que na percepción colectiva dos galegos está bastante claro que o monte arde porque lle prenden. O de por qué lle prenden xa é outro asunto en sí mesmo: pirómanos (sorpréndome da cantidade de xente que debería sentir esa fascinación polo lume), por xente que só quere que leven uns cartos o peto os brigadistas,... O feito de que unha zona despóis dun lume sexa edificable, ou que ca madeira queimada se poda mercadear tamén pode ser que axude. A verdade é que esta percepción está en liña ca información que facilita o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que nos di que de cada 100 lumes en Galicia polo menos 95 son a mantenta e que en Galicia somos campións de España nesta disciplina.
 
O último informe do Panel Intergobernamental de Cambio Climático afirma que a  resistencia e adaptación ós lumes nos últimos anos non ten mellorado no noso continente e que o cambio climático fará moito máis probables os lumes forestais. Ademáis xa se da por seguro que este incremento de lumes está a aumentar o risco de que a nosa terra remate asemellándose a un deserto. Outras investigacións teñen amosado un empeoramento nos últimos anos nas condicións que favorecen o inicio dos lumes e a súa propagación.
 
A evolución dos lumes forestais en Galicia amosa que con respecto a fai quince anos sufrimos moitos menos lumes, que entre o 2006 e o 2008 descenderon de forma continua e que dende 2009 o número de eles volveu aumentar significativamente.

A situación será especialmente grave para a provincia de Ourense

Pero o lume ten moitos máis factores. Preguntémonos: ¿ten aumentado nas últimas décadas o risco de lumes forestais en Galicia?, ¿ten o cambio climático algo que ver en elo?. Pois os científicos que se dedican a estudalo din que sí e que o risco aumentará inda máis.
 
Parece estar claro, se as condicións  que esperamos por mor do cambio climático son de temperaturas máximas máis altas e menos chuvia entón o monte estará máis seco e será máis doado que prenda. Pero non é simplemente que aumente o risco durante un período determinado do ano, senón que enriba disto a época do ano propensa a que se produzcan lumes xa é máis longa do que era fai uns anos. En Galicia o mes de marzo xa está a ir cara condicións máis propensas a aparición de lumes. Os resultados amosan que a situación no futuro será especialmente dramática para o leste da provincia de Ourense.
 
Ademáis o feito de sufrir lumes máis destructivos poderá afectar a calidade do aire e ter un efecto prexudicial na saude da xente, agravando enfermidades respiratorias e incrementando o uso do noso sistema sanitario. O mesmo se está a observar no caso de infraestructuras, xa que estes lumes provocan cortes por exemplo no transporte ou na rede eléctrica. 

Círculo vicioso entre lumes forestais e cambio climático

Pero inda por riba estamos nun círculo vicioso xa que os mesmos lumes que se prevé veremos máis a miudo, maiores e máis extensos teñen o efecto de facer máis potente o cambio climático, por exemplo facendo que o xeo de Groenlandia se derrita moitísimo máis rápido. De xeito máis claro: a cantidade que antes tardaba en derreterse máis de un ano, nas décadas vindeiras fundirase en menos de catro días.
 
Chegados eiquí e tras esta breve reflexión hai que dicir que o lume que ano tras ano asola os nosos montes é antropoxénico case sempre. É dicir, os lumes tamén son culpa túa e miña. Non fai falla ser un pirómano ou estar de churrascada no medio da fraga dándolle o chisqueiro para causalo. Hai que darse conta de que chega con estar na nosa casa creando un ambiente tropical a base de calefacción de gasoil ou abusando do aire acondicionado, ou simplemente non separando o lixo para que sexa reciclado. Hai que decatarse ademais que nos toca o peto a través dos impostos. No 2012 facendo números a factura que nos pasaron foi de polo menos 30 millóns de euros.

Do medio colaborador Galicia Confidencial