Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O club de lectura Lendo Contigo viaxa a Londres da man do escritor Xelís de Toro

O club de lectura Lendo Contigo viaxa a Londres da man do escritor Xelís de Toro

Correo-e Imprimir PDF
rincon-infantil-gondomar

O sábado 29 de XANEIRO terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro que centrará a sesión é A máquina contacontos (editorial Rodeira), do escritor galego establecido en Londres Xelís de Toro.

O autor non poderá estar na Biblioteca de Gondomar, por iso, serán os asistentes ao club os que fagan unha viaxe virtual á capital británica e terán oportunidade de falar con Xelís de Toro grazas ás novas tecnoloxías. A cita é o sábado ás 12.00 horas.

O libro

A historia narrada en A máquina contacontos ten lugar nun mercado londiniense chamado Walthamstow. A este mercado, sen faltar un só sábado, acudía un home que era propietario dunha curiosa máquina que tiña a asombrosa particularidade de inventar contos. E ninguén parecía coñecer o segredo da máquina, ata que…

O autor

Xelís de Toro naceu en Santiago de Compostela en 1962 e reside en Londres. Foi letrista e cantante do grupo Os Quinindiolas. Escribe literatura infantil e xuvenil e tamén para adultos. Algúns dos seus libros de narrativa son: Seis cordas e un corazón (co seudónimo de Roque Morteiro), Premio Compostela Cultural; Non hai misericordia, Premio Narrativa Cidade de Lugo; Terminal; Os saltimbanquis no paraíso, Premio San Clemente en 2000 ; O trompetista e a lúa; The Corunna boats ou Riofero.

Por outra parte, foi socio fundador da editorial Edicións Positiva e dirixiu a revista Anima+I durante o primeiro ano.

Xelis de Toro mantén na rede o espazo http://laboratoro.net/