Mércores, 8 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda A Comunidade de Montes de Peitieiros presenta o seu libro de fotos antigas: MEMORIA DE PEITIEROS.

A Comunidade de Montes de Peitieiros presenta o seu libro de fotos antigas: MEMORIA DE PEITIEROS.

Correo-e Imprimir PDF
Imaxe do libro

A Comunidade de Montes en Man Común de Peitieiros ven de editar un volume de fotografías antigas da parroquia acompañadas de textos, titulado MEMORIA DE PEITIEIROS. O vindeiro sábado día 8 de xaneiro, ás 19h terá lugar a súa presentación no local do Centro Cultural Recreativo, no adro de Peitieiros.

Nos últimos anos recolléronse entre a veciñanza da parroquia máis de 200 fotografías. Principiou este proxecto cunha escolma coa que se realizou hai uns anos unha exposición no ámbito do Festival internacional de música tradicional que todos os veráns organiza o Centro Cultural Recreativo en Peitieiros. Posteriormente, a Comunidade de Montes retomou este proxecto para facelo realidade a través deste libro.

A publicación recolle unha selección, realizada pola fotógrafa Paula Pérez, de 45 fotografías, acompañadas de cadanseu texto breve escrito por veciños e veciñas da parroquia. Así mesmo ao final do libro incluíronse sete textos extensos para o espazo da páxina que acompaña á ilustración e que recollen información de interese para a historia e a etnografía da parroquia. Para ilustrar estes textos longos incluíronse 13 fotografías máis, que xunto coas que figuran nas capas do libro fan un total de 58 imaxes diferentes.

Este libro é un novo volume da serie de libros de fotografías recentemente aparecidos como os que recollen as imaxes de Couso e Morgadáns, iniciativa que impulsou o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Neste caso contou co apoio financeiro da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, La Caixa e a propia Comunidade de Montes ademais contou coa colaboración do IEM no tratamento das fotografías.