Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Socialistas pedirán no pleno a dimisión da concelleira de urbanismo de Baiona, Ana Simóns.

Socialistas pedirán no pleno a dimisión da concelleira de urbanismo de Baiona, Ana Simóns.

Correo-e Imprimir PDF
ana simon2

-O PSOE responsabiliza á concelleira dunha deficiente xestión que fixo perder ao Concello máis de 150.000€ por mor de xuízos perdidos e indemnizacións a tres arquitectos municipais que levan alternando nas súas funcións dende o ano 2011.

-A todo isto, os socialistas denuncian que a concellaría acumula un gran número de expedientes  de licencias sen tramitar e “sufrindo retrasos inxustificados pola decisión unilateral da concelleira delegada”.

-A dimisión de Simóns será solicitada a través dunha moción de urxencia que a portavoz Isabel Domínguez Quintas (PSOE), presentará na mañá deste mércores 24 de xullo no próximo pleno.

O galimatías de nomeamentos e destitucións de arquitectos municipais en Baiona.

-Primeira destitución do arquitecto Faustino Mena.

Segundo da conta a portavoz do PSOE o 7 de febreiro de 2011, previo nomeamento de Isabel Domínguez Rivas como arquitecta interina do Concello de Baiona, o alcalde Jesús Vázquez Almuíña procedeu ao despido de Faustino Mena, arquitecto que viña prestando servizos ao Concello desde xuño do ano 2000.

O devandito profesional, desconforme coas causas do despido, acudiu á vía xudicial, e o Xulgado do Social número 3 de Vigo declarou nulo o despedimento en sentenza de data 19 de agosto de 2011, polo que acordouse a súa readmisión e o pago de salarios de tramitación. Isto implicou que “os cidadáns de Baiona tivemos que pagar os salarios íntegros dos dous arquitectos desde febreiro ata setembro e soamente traballou un”, sinala a concelleira Domínguez Quintas.

-Readmisión de Faustino Mena e cese inmediato da arquitecta Domínguez Rivas.

Segundo aunta Isable Domínguez, con “descoñecemento absoluto da norma e pésimo asesoramento”, o rexedor de Baiona resolveu, con data 12 de setembro cesar á arquitecta interina, Domínguez Rivas e readmitir ao arquitecto Mena ao día seguinte. Recurrida dita resolución por ambas partes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en data 2 de marzo declarou improcedente o despido de Mena.

Entre mentres, desde xullo de 2010 existía un decreto de alcaldía cunha oferta de emprego público para o 2011 na que se contempla unha praza vacante de arquitecto, e o día 14 de setembro de 2011 (o día seguinte á readmisión do arquitecto Faustino Mena) o Concello aprobou as bases do concurso de oposición de acceso libre para cubrir dita praza de funcionario.

Resolto o proceso o Concello con data 22 de febreiro de 2012 nomea a Patricia Castro Nováis arquitecta funcionaria en plantilla, cargo do que toma posesión o 30 de marzo dese ano.

Segunda destitución do arquitecto Faustino Mena.

Segundo a crónica dos feitos que presentará o PSOE ao pleno, nomeada a nova técnica municipal, con data 14 de marzo de 2012 comunícaselle a Mena que con data de 31 de marzo darase por finalizado o seu contrato laboral indefinido.

Mena volve solicitar amparo xudicial e con data 17 de decembro de 2012 o TSX de Galicia dita sentenza na que se condena ao Concello de Baiona á readmisión do traballador ou ao abono dunha indemnización de 63.670,61€, máis os salarios de tramitación a razón de 120,02€/día desde a data de extinción da relación laboral ata a notificación da sentenza.

A xustiza desestima ao Concello de Baiona e obriga a readmitir ou indemnizar a Domínguez Rivas.

Pola súa banda, a destituída arquitecta  Isabel Domínguez Rivas tamén acode aos tribunais e obtén sentenza favorable do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo en data 16 de marzo de 2012.

Con data 21 de novembro de 2012, o TSX de Galicia tamén dita sentenza no procedemento interposto por Domínguez Rivas na que desestimando o recurso interposto polo Concello de Baiona condénalle á readmisión, o pago dos salarios de tramitación desde o cese até a notificación da sentenza e o abono de 127,65 € /día, por danos materiais, con imposición de costas ao Concello.

A alcaldía non dá informes dos gastos pero a oposición estima en máis 150 mil euros as perdas municipais.

“Non contento con isto, o Concello de Baiona interpuxo un novo procedemento contra o Sr. Mena no que interesa a devolución do IVA”, sinalan dende o PSOE. Para os socialistas a demanda que non teñen moitos visos de prosperar “por razóns obvias, a primeira que o IVA ingrésase na Axencia Tributaria e non é un dereito do profesional, senón un imposto. A segunda que as reclamacións fiscais prescriben aos catro anos e na demanda reclámase a devolución desde o 2000”, advirten.

Nese senso, no pleno anterior o PSOE pediu o importe exacto “que este despropósito dos arquitectos supuxo para as arcas municipais”, nembargante non obtiveron resposta ate de agora. En base ás sentenzas a agrupación opositora estima que as indemnizacións ao arquitecto Mena alcanzan os 89.834,97€. Outros  42.800€ corresponderían aproximadamente á indemnización da arquitecta Domínguez en salarios de tramitación e costas.

A estes importes habería que sumar os gastos de avogado e procurador do Concello nos cinco procedementos mencionados, o que estimando, “ á baixa”, o importe de catro mil euros, “sairía un total de 20.000€” por este concepto.

Para o PSOE, trátese polo tanto dun importe mínimo de 152.634,97€ que as arcas municipais de Baiona levan gastado en xuízos e indemnizacións dos técnicos municipais en cuestión. “Ademais do salario do único arquitecto que durante ese período entre febreiro de 2011 e febreiro de 2012 exerceu as súas funcións como tal nas oficinas municipais”, advirten os socialistas.

A nova arquitecta municipal tamén leva á alcaldía á Xustiza.

Mais a relación coa nova arquitecta municipal tamén está nos xulgados. Aos poucos meses da chegada de Patricia Castro Nováis, e dado que esta “non somete os seus informes ao ditado dos políticos”, segundo denuncia o PSOE, con data 12 de marzo de 2013 o alcalde Vázquez Almuíña lle incoa expediente disciplinario, “no que se reserva o insólito dereito de ser Xuíz e parte ao non someterse á recusación efectuada pola técnica municipal”. Nese senso, os socialistas advirten que algúns veciños de Baiona denunciaron na agrupación que o Alcalde manifestara publicamente que “estaba esperando a poder despedila ou que se fose por decisión propia”.

“Si o goberno local non estivese xogando co diñeiro público, todo o narrado podería ser o guión dunha película cómica por puro disparate”, ironiza a portavoz do PSOE, Isabel Domínguez Quintas.

O PSOE quere “frear este despropósito”.

“É urxente frear este despropósito, evitar máis preitos, desistir dos interpostos e empezar a traballar con normalidade nun departamento de tanta importancia”, sinalan o socialistas na argumentación da moción que con carácter urxente  presentarán ante o pleno.

Agregan a existencia dun gran número de expedientes de licenza que se acumulan nos andeis da concellaría de urbanismo sen tramitar, ou sufrindo atrasos “inxustificados pola decisión unilateral da concelleira delegada”, Ana Simóns.

Por todo iso os socialistas pedirán o cese inmediato da concelleira Simóns, en tanto responsable de Urbanismo ao  ter delegada a función polo alcalde.