Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Os concelleiros do PSOE Baiona van por libre e afastados da candidata Mª Isabel Domínguez.

Os concelleiros do PSOE Baiona van por libre e afastados da candidata Mª Isabel Domínguez.

Correo-e Imprimir PDF
Pleno Concello de Baiona

O grupo de concelleiros do PSOE Baiona non responde á executiva local do partido nin mantén relación algunha coa candidata a alcaldesa María Isabel Domínguez Quintas asegurou a Valminor.info o portavoz Rafael Lores. Nunha situación que pode considerarse de ruptura, Lores admitiu que as condicións para un entendemento electoral coa candidata son case imposibles. Consultado sobre unha posible candidatura fóra do PSOE, Lores respondeu que “non descarta nada”.

Segundo o grupo de concelleiros socialistas, a executiva local dende a asunción de Arturo Pereira Pequeño á secretaría xeral, dedicouse a traballar na captación de militantes para fortalecer a súa posición na asemblea e por outra banda rompeu o diálogo co grupo de concelleiros “o máis grande da historia do PSOE en Baiona” que ten o respaldo de 2300 votos, asegurou Lores.

A situación pasou de afastamento a confrontación cando a mesa local quixo impoñer a candidatura de María Isabel Domínguez para as municipais 2011, sen intentar un consenso cos militantes. De feito, Domínguez foi finalmente nomeada nunha asemblea onde non participou o grupo de concelleiros. A executiva provincial avalou o feito e dende entón os concelleiros tampouco se senten arroupados polas autoridades da provincia.

A situación non é doada, o entorno dos concelleiros municipais non ve con bos ollos á candidata de quen lembran a súa condición de promotora da formación de dereitas Alternativa Independiente de Bayona, rexistrada en 1999 e na que figura o domicilio particular da candidata como domicilio social. Por outra banda o derradeiro intento de acercamento fracasou cando a executiva provincial e mais a candidata Domínguez non responderon a unha solicitude feita polos concelleiros.