Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en América A literatura galega amosará a súa oferta na apertura da 42ª Feira do Libro de Buenos Aires.

A literatura galega amosará a súa oferta na apertura da 42ª Feira do Libro de Buenos Aires.

Correo-e Imprimir PDF
feria libro bos aires
Download this file (2016 Feira Libro Bos Aires.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Preto de 150 actividades difundirán a literatura e a cultura galegas na Feira do Libro de Buenos Aires 2016. O diálogo entre autores galegos e arxentinos centran a programación coa que Galicia intentará proxectar o sector editorial neste evento de referencia internacional, que ten como cidade convidada a Santiago de Compostela. Tamén albergarán unha parte da programación espazos xestionados pola colectividade, como a Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina, o Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e diversas casas e centros galegos da cidade.

Preto de trinta autoras e autores galegos participarán nos coloquios, recitais poéticos, conferencias, presentacións de obras e encontros cos lectores que se realizarán do 21 de abril ao 9 de maio en diferentes espazos da cidade porteña. Unha vintena de editoriais de Galicia exhibirán e comercializarán a súa produción neste evento considerado pola Consellería de Cultura como "unha das citas culturais máis relevantes de América Latina".

(Adjunta á nota o programa oficial completo da participación galega na Feira)

A cultura e a produción literaria galegas serán as protagonistas da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016 cun programa de preto de 150 actividades que difundirán o sector editorial de Galicia a través deste evento de referencia internacional. Coincidindo coa cuadraxésimo segunda edición da feira, que ten como cidade convidada a Santiago de Compostela, a capital arxentina acollerá do 21 de abril ao 9 de maio un programa de actividades amplo e diverso promovido dende a Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, no que participarán algunhas das voces actuais máis representativas das letras galegas.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, presentaron días pasados un avance da programación, que se caracteriza polo protagonismo do libro galego a través de eventos moi diversos, pola difusión das voces da literatura e da cultura galegas en distintos escenarios da cidade e por unha aposta polos formatos dialogados entre as autoras e os autores galegos con destacadas voces arxentinas, que permitan conseguir o maior interese e impacto local.

A consellaría agradeceu a todas as institucións implicadas na organización desta programación o seu esforzo e dispoñibilidade á colaboración para "forxar este proxecto colectivo do conxunto da cultura de Galicia" que se presentará en Buenos Aires, a quinta provincia galega, "que tanto deu á nosa cultura desde á diáspora".

Así mesmo salientou o protagonismo da capital de Galicia na feira como unha "oportunidade histórica" para amosar a forza e a profesionalidade do sector do libro eas súas potencialidades para medrar e desenvolverse en outros mercados, así como para a proxección e a visualización da cultura galega no seu conxunto nun espazo, Arxentina e América Latina, ao que Galicia está fondamente ligada cuns lazos que, tal e como explicou Román Rodríguez, "nos teñen permitido sacar adiante frutíferas alianzas no eido cultural".

Protagonismo do libro galego na axenda cultural bonaerense
Este amplo volume de actividades literarias, que se canalizan nos máis diversos formatos, "permitirannos dar a coñecer a creatividade e a calidade do sector editorial galego actual no seu conxunto: dos nosos autores e das nosas autoras, dos editores, dos ilustradores, dos distribuidores", afirmou Anxo Lorenzo, quen detallou as principais propostas programadas para converter o libro galego no protagonista da axenda cultural bonaerense durante as preto de tres semanas que dura a feira.

Diversidade de formatos e múltiples escenarios
Coloquios arredor de diferentes temáticas, como a poesía escrita por mulleres, a novela negra en Galicia ou a tradución dos clásicos; numerosas presentacións de títulos da produción editorial galega actual, xunto con intervencións artísticas, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, obradoiros de ilustración e conferencias sobre ciencia, cultura galega, o 'Códice Calixtino', o Camiño de Santiago ou o audiovisual galego centran o programa, que tamén inclúe encontros cos lectores nas bibliotecas municipais e diálogos co alumnado.

Ademais da diversidade de formatos, o secretario xeral de Cultura destacou a multiplicidade de escenarios nos que se van desenvolver as actividades. Por unha banda, na feira, principalmente no stand de Galicia –situado nun lugar central e con 200 metros cadrados de superficie– e tamén en diversas salas do recinto feiral. Por outra, a cultura galega será protagonista en diferentes espazos emblemáticos da cidade porteña, como librerías, diversas bibliotecas municipais, os centros culturais General San Martín, Matienzo e Roberto Arlt; Usina del Arte, a Universidad de Ciencias Empresariais y Sociales e a Academia Argentina de Letras. Tamén albergarán unha parte da programación espazos xestionados pola colectividade, como a Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina, o Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e diversas casas e centros galegos da cidade.

Novas pontes entre Galicia e Arxentina
En referencia ao diálogo entre a cultura galega e a arxentina, o secretario xeral recordou que este diálogo xa ten unha base histórica e que "agora temos a oportunidade de actualizar e de seguir enriquecendo". Ademais, destacou esta concepción da programación para "favorecer a chegada das propostas galegas ao público arxentino, en particular, e latinoamericano, en xeral". Para iso, diversas actividades contan coa participación de escritores, xornalistas, artistas e investigadores arxentinos, como Enrique Ferrari, María Esther Vázquez, José Luis Moure, Antonio Requeni, Roberto Alifano, Lola Arias, Nelly Espiño, Alejandro Vaccaro e Diego Golombek. Neste marco, institucións culturais de referencia no país, como a Academia Argentina de Letras, a Sociedad Argentina de Escritores, o Centro PEN Argentina e a Sociedad de Escritores y Escritoras de la Argentina, tamén toman parte na programación galega.

Exposicións e cine vinculados á literatura galega
Con motivo deste diálogo entre autores e institucións das dúas beiras do Atlántico, a vinculación con Galicia de escritores arxentinos de referencia como Jorge Luis Borges –do que se cumpren tres décadas do seu pasamento–, o papel do galego Francisco Gil como precursor da Feira do Libro de Buenos Aires ou a traxectoria do poeta galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez son algúns dos temas que se abordan no programa.

Na programación tamén terán cabida figuras históricas como Eduardo Blanco-Amor, Ramón María del Valle-Inclán e Camilo José Cela, sobre os que se organizará cadansúa exposición a través da Editorial Galaxia, do Consello da Cultura Galega e mais da Fundación Pública Camilo José Cela, respectivamente. As propostas expositivas complétanse coa mostra 'Santiago, cidade ilustrada' e coa exposición 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan', que levará a Buenos Aires a obra do fotógrafo de Allariz despois do verán.

O libro galego vai chegar a Buenos Aires non só a través da escrita, senón tamén doutra das formas de difusión da literatura, como é a cinematografía. Os títulos máis recentes da creación audiovisual galega, e particularmente aquelas cintas baseadas en obras literarias galegas de referencia, van estar en Buenos Aires, nun ciclo organizado pola Agadic que se desenvolverá nun cine comercial da cidade, paralelamente á celebración da feira.

As voces convidadas
Autores e autoras dos diferentes ámbitos da escrita, desde a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, a ilustración, a divulgación científica e a gastronomía, estarán presentes na programación. Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Teresa Moure, José Edelstein e Jorge Mira participarán nas actividades programadas na capital arxentina para promover o libro galego e dar a coñecer a súa obra no marco dun espazo único de intercambio entre os diferentes actores da industria editorial internacional.

Durante a rolda de prensa tamén se presentou un novo material para difundir o protagonismo do libro e da cultura galega en Buenos Aires, un vídeo promocional dos escritores e escritoras galegos que está accesible en www.cultura.gal/librogalegobaires16, na web de Cultura da Xunta de Galicia.
Canda os autores e autoras, participarán na feira diversas editoriais galegas, que terán ocasión de establecer contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo, así como de asistir ás xornadas profesionais que se realizan previamente á inauguración do evento, no que constitúe o maior encontro da industria editorial en América do Sur.

Un escaparate central para difundir o libro galego
O stand de Galicia contará na feira cun espazo central de 200 m2, coordinado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Santiago e coa Asociación Galega de Editores (AGE), e no que tamén estará representado o Instituto Argentino de Cultura Gallega. Ademais de servir de escenario para eventos, este espazo será o grande escaparate da produción editorial galega actual, coa exhibición dunha ampla mostra das publicacións máis recentes editadas por preto de 30 editoriais e institucións galegas.

Un evento cultural de referencia
A cultura galega e a súa literatura estiveron presentes na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires nas súas máis de corenta edicións. Promovido pola Fundación El Libro. Este evento de referencia internacional no ámbito editorial incorporou hai catro anos a figura de "cidade invitada", distinción da que gozaron ata agora Ámsterdam, São Paulo e mais Ciudad de México.

Situada no barrio de Palermo, en La Rural, e cunha superficie que ocupa máis de 45.000 metros cadrados, a feira vén contando cun público que supera o millón de persoas durante as súas tres semanas de duración e con máis de 12.000 profesionais do sector editorial.

Attachments:
File
Programa oficial Galicia