Xoves, 23 Nov. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Opinion Opinión Un día do galego para os medios en español

Un día do galego para os medios en español

Correo-e Imprimir PDF
Asociación de Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación da Xunta sobre os medios escritos na lingua do país con respecto aos que o fan en español, e reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo". 

17 de maio e 25 de xullo. Datas simbólicas para o calendario galego e as únicas nas que a Xunta destina unha migalla para os medios en galego dos millóns de euros que reparte en concepto de publicidade institucional. E este 17 de maio non é unha excepción.

A Xunta publicou o último día hábil do pasado ano a resolución das súas subvencións aos medios para promocionar a lingua galega. A resolución da subvención para medios integramente en galego suma 201.000 euros. As subvencións para medios xeralistas 1,6 millóns. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.
Para cobrar as subvencións, aos medios escritos en castelán chégalles con ceder á lingua propia un 8% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Ademais, tamén poden recibir axudas polas súas edicións dixitais.
A convocatoria de axudas para medios en galego crea unha serie de barreiras pola que na práctica case toda a prensa dixital e emisoras de Radio e TV en galego queda excluída. A diferencia é que só se conceden a medios con edicións en papel.

Resultado: a prensa dixital en galego suma pouco máis 3.400 euros de axudas. Pola contra, 
a prensa en español supera amplamente o millón de euros por, supostamente, escribir en galego. E esas axudas son á marxe doutras axudas millonarias que perciben en base a distintos convenios co goberno galego durante todo o ano.

A estas dirixidas subvencións únese a política arbitraria da publicidade institucional para estas datas. Nada sabemos da Lei de Publicidade Institucional na que aseguraba estar traballando o PP cando hai dous anos rexeitaba a nosa proposición presentada no Parlamento hai dous anos. Mentres, do arredor de 15 millóns de euros que destina a Xunta aos medios, menos do 1,5% recaen en medios que comunican integramente en galego.

O propio Carlos Casares, homenaxeado neste 2017, coincidiría na necesidade de preservar a lingua galega nos medios de comunicación, como así o recoñecía: “Escribo cunha clara conciencia política frente ao castelán, que é a lingua imposta. Esto téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo disculpalo, e non sempre. Aínda non atopéi a ninguén que me poidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estóu a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”.

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida" afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo hai uns anos no discurso oficial do Dia das Letras.
Os medios de comunicación en galego tampouco queremos esmorecer. E seguiremos a nosa andaina, coa axuda ou sen a axuda do Goberno galego que, a pesar de que por lei debe apoiar aos medios escritos na lingua do país, de facto discrimínaos.

A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.