Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ Da negra cazadora de coiro

Da negra cazadora de coiro

Correo-e Imprimir PDF

 

O pasado 20N, unha data sempre significativa en ámbolos dous lados da trincheira, os xornalistas que, nese espazo televisivo da TVG2 cualificado como un foro aberto, entrevistaron a Beiras, non perderon tempo en amosar as súas cartas. Agradécese. Escudados nesa peculiar idea de liberdade e independencia tan estendida, hoxe en día, no espazo interestelar, abriron fogo preguntando se os galegos equivocáranse ao dar unha nova maioría absoluta ao PP, seguiron coa confusa mestura, para eles, de Anova, insistiron, unha e outra vez, nos insultos a Feijoo, simples definicións segundo o espírito de Valle Inclán, observaron un significativo silencio perante as reflexións sobre a natureza corrupta do noso sistema representativo ou da restauración borbónica, e remataron cuestionando a capacidade do entrevistado, dada a súa idade, de liderar a formación dentro de catro anos.

Todo nos primeiros dez minutos. Mais, dáme que a evocación da Segunda Ilustración e a idea de alienación coa que Beiras, dun xeito conciso, respondeu á primeira cuestión, resulta confusa, senón descoñecida, nunha televisión pública na que, se cadra, no que se refire ao equilibrio e reparto de poderes, non oíron falar, aínda, da Primeira. Da Primeira Ilustración, se entende. Por outra banda, supoño que moitos agardaban ese Beiras que garante, en si mesmo, todo un espectáculo mediático. Mais, nin as antenas da maltratada poboación, máis sensibles e mellor orientadas, son as de hai quince anos, nin Beiras, cálido, peludiño e agarimoso coma sempre, é Belén Estéban. A referencia, fora de lugar, á súa idade na próxima lexislatura, cando aínda non comezou esta, indica que a súa reaparición, ben reforzada pola xente nova, introduce unha boa dose de inquedanza no conformista establishment galaico. De aí esa descarga pechada de artillería sen previa declaración de hostilidades, que tentaba, de inicio, privilexiar o espectáculo en detrimento dos contidos. Mais, non hai respostas cortas ou titulares, nin tempo ou interese mediáticos, para explicar ese sutil e agochado acoso contra a autoestima da poboación, esa persistente, e ben fornecida, dinámica ancestral, esa lóxica telúrica que sacraliza o principio de poder. Julio Cortázar, nun dos artigos que conforman esa exquisita miscelánea titulada A volta ao día en oitenta mundos, desenvolve a tese, hoxe politicamente incorrecta, de que non é tanto o asasino o que atopa a súa vítima, senón que é esta a que procura ao asasino, pois, consciente ou non, remata colaborando con el e contribuíndo ao feito. Dalgún xeito, segundo a negra e humorística mirada de Cortázar, sempre debedora de Jarry e o seu Ubú rei, neses casos onde a vítima é produto dunha escolma arbitraria, ven a ser ela mesma a que, dando os pasos, os movementos precisos, impulsa e facilita a labor do seu asasino, nunha sinerxía de forzas e accións que conflúen no intre mesmo do asalto.  Abofé que estamos suxeitos ás leis da gravidade dos corpos. Nalgúns sitios máis que noutros. A imaxe negra e encoirada de Beiras no escenario televisivo, sinala, ironicamente, esa atracción fatal definida por Cortázar, moito mellor que calquera racionalización decimonónica. Remítenos a esa liña, ese único fío que, amosando o devocionario vertical que o fornece, acolle, nos seus extremos, ao agresor e a vítima, ao amo e ao servo, a Sade e Masoch. Unha relación que, maltrato de xénero ou alienación social, tanto ten, defínese, basicamente, nun sinxelo cambio de escala. Por outra banda, na conciencia dos espectadores vense configurando, desde hai décadas, un imaxinario que alude ás probas físicas, aos trazos e as pegadas sanguiñentas. Como discípulos, actuais e virtuais, do vello Santo Tomás, non cremos se non sae na televisión. Nunha sociedade que se rexe, máis que nunca, pola proba da imaxe, pois, sen ela non hai problema, nin conciencia del, deberiámonos preguntar se calquera maltrato de índole psicolóxica, tanto ou mais cruel por longo, silandeiro e arraigado no tempo, obtería a atención dos medios de opinión, se non amosase, de cando en vez, o seu referendo visible e moureado. A proba de sangue. Como esas tardeiras e mortais explosións de carraxe en parellas de xubilados, sen indicios de violencia previa ou desavinzas conxugais, froito, coido, do cansazo, da derradeira gota, dunha súpeta iluminación da conciencia. Si. Aínda é imprescindible a figura, enchoupada de gasolina, do vello bonzo, a muller desesperada guindándose pola fiestra. Nesta absurda sociedade da abundancia, non chega coa imaxe daqueles que procuran, con pudorosa, paciente e fidalga nocturnidade, a comida nos colectores de lixo. Adormecida a conciencia da man de indulxentes mistificacións, seguímonos a debater entre, por unha banda, a vella dinámica do pau e a cenoria, e, pola outra, a razón autónoma dunha convivencia madura entre iguais. Mais, moitos de nos pensamos que unha sociedade que pretende ser democrática, horizontal por definición, non pode avalar ningunha das asimetrías, sociais ou individuais, do maltrato e o menosprezo. Aínda disfrazadas de normas legais. Ou alegais. Esa é a verdadeira corrupción. Unha inercia que, no noso caso, soterrando toda pegada sanguiñenta, aliméntase, aínda, dos esquemas, reflexos e recendos dunha ditadura que mantén, ben atadas, as súas chantaxes paternalistas, autoritarias e clericais.