Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Escolainas Pais axudadores

Pais axudadores

Correo-e Imprimir PDF

- Veña, Trude. Atopámonos na rúa e saúdasme. A ver como o fas.

- Ola, profesor. ¿Cantos anos tes?

- Non, Trude. Tes que dicir: ¿Cómo estás?

Dito así o erro parece esaxerado, pero en inglés a diferenza entre ambas preguntas é pequena, e Trude nunca atina coa correcta. Cando quere preguntar os anos pregunta como estás, e viceversa. Cústalle moito traballo avanzar na aprendizaxe do inglés, e algo parecido pásalle coas outras materias. Falando entre nós, diriamos que é curtiña.

- Eu xa sei que non é moi lista – dime o pai, moi serio, moi preocupado – pero aínda que sexa para mestra pode estudar, coido eu.

Trude é tímida e amable, ten uns ollos expresivos e dinámicos que parecen reflectir a luz do ceo, unha boca sempre risoña e uns xeitos refinados e coidados. Todos, profesores e alumnos, nos levamos moi ben con ela, todos gabamos a súa responsabilidade, as súas ganas de cooperar, a súa inesgotable ilusión. Pero...

Os mestres adoitamos dicir, cargados de crueldade, que é unha rapaza que engana. ¡Que barbaridade! ¡Como vai enganar! Parece alegre, e éo; parece estudosa, cariñosa, boa ... e é todo iso. Non, non engana. Somos nós os que enganamos ao pretender que todos os alumnos aprendan todo o que propomos no tempo establecido.

Eu defendín sempre que o futuro dos fillos cuns pais que se preocupan por eles, que os atenden, que os axudan sempre que o precisan, aínda que cometan moitos erros, está asegurado; poden acadar títulos ou postos máis ou menos representativos, pero serán homes e mulleres adecuadamente felices.

Ela ten unha familia así. O pai visítanos con frecuencia sempre preocupado porque a súa filla consiga o mellor. Axúdaa moitísimo, aínda que, supoño, cometendo erros, porque ou nas uñas ou nos pés has de saír a quen es, e o que se herda non se compra.

Un día viume ver por saber, unha vez máis, que tal andaba a filla en inglés. Estaba, ademais, esperando para falar tamén coa titora porque quería aclarar con ela unhas regras ortográficas. Observei que traía debaixo do brazo un pesado tomo dunha gran enciclopedia. Intereseime polo problema pero rexeitou a miña participación.

- Son unhas regras de Lingua Castelá – aclaroume, dando por sentada a miña ineptitude en tal materia.

A curiosidade fíxome preguntarlle á miña compañeira polo asunto. A regra era: todos os verbos que rematan en [bir] escríbense con b, agás hervir, servir e vivir. E el dedicárase a ler unha manchea de follas dunha enciclopedia para comprobala e atopara, para o seu desacougo, unha morea de palabras que non cumprían esa regra; entre elas Guadalquivir e o nome, que non recordo, dun estadista alemán do século XVIII.

Hoxe levei unha grande alegría. Atopei na rúa a Trude. Está na Universidade de Santiago, no último ano de carreira. Alegreime sobre todo por ela; pero tamén polo pai, que me caía ben dentro da súa ousada ignorancia; e polas miñas conviccións.