Sábado, 27 Maio. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Opinion Desde a Paraguda O ano das letras para o poeta do pobo.

O ano das letras para o poeta do pobo.

Correo-e Imprimir PDF
marta dacosta

Manuel María demostrou ... que se podía facer unha poesía exquisita sen perder o referente da realidade social e do país e a comunicación e a emoción que lle dá forza á palabra.” (López Foxo, “Regreso á poesía de Manuel María”, A Nosa Terra, 2005)      

Cando no ano 2005 comecei escribir a comunicación para o Congreso Manuel María: literatura e nación, coloquei á fronte das miñas estas palabras, por considerar que eran definitorias do poeta.

Xa teño manifestado que non acredito na arte pola arte. Considero que a arte dialoga co contexto histórico e social en que nace e traduce a posición da creadora e do creador ante ese contexto. E iso até cando a obra escapa ao contexto real, negándoo ou modificándoo. Con todo, é certo que non consideramos toda arte arte comprometida, e adoitamos empregar esta etiqueta para aquelas obras que teñen a vontade de falar e dirixirse a un suxeito colectivo. Esa vontade está presente na obra literaria de Manuel María, quen, de maneira consciente, asumiu a tarefa de enaltecer a nosa lingua e construír, desde o texto literario, conciencia de nación e orgullo da identidade de noso.

Manuel María era, conscientemente, reflexivamente, un poeta galego, un poeta nacionalista galego, de aí que a súa obra teña un lugar propio dentro da corrente literaria predominante nos anos 60/70 que se denominou socialrealista. É o propio Manuel María quen sinala este matiz nun  artigo en que nos fala da súa admiración por Celso Emilio e deixa claro cal foi a relación que mantiveron ao longo da súa vida ambos os dous poetas. Di neste artigo que Celso Emilio foi un poeta progresista, mais “O que non foi ... é o que se entende ... por poeta nacionalista galego como, por exemplo, Ramón Cabanillas. A temática da poesía de Celso Emilio Ferreiro vale pró povo galego. Esto é evidente. Pro hai unha temática específicamente galega – normalización da lingua e da cultura, autodeterminación, situación do asoballo nacional, dependencia, etc.- que non aparece na súa poesía, se exceptuamos o fermosísimo poema adicado ao idioma propio.” (Fernández Teixeiro, M. M., 1989, páx. 6).

Precisamente por iso, no relatorio de 2005 sinalo que Manuel María non só é un poeta socialrealista, é un poeta dun socialrealismo nacionalista que se caracteriza por reivindicar Galiza a través, fundamentalmente, da defensa do idioma e da denuncia da situación de asoballamento e colonización do noso pobo.

Mais ese compromiso do poeta non foi expreso só na escrita, foi unha forma de vida, porque se entregou sen descanso ao traballo cultural. Todos os medios que se puidesen empregar na defensa do idioma e o país eran axeitados, tanto máis axeitados, canta maior difusión tivesen: recitais, charlas, programas de festexos populares, programas de man de exposicións, tarxetas de Nadal …  O Correlingua, os libros colectivos como Alma de Beiramar, editado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, con motivo da catástrofe do Prestige, ou o recital de 29 de novembro de 2003 no Teatro Principal de Pontevedra en homenaxe a Alexandre Bóveda, que tres anos anos máis tarde se traduciría nun libro, Cartafol poético para Alexandre Bóveda, cando o noso poeta xa non estaba entre nós.

Grazas a esa necesidade súa de expresar coa súa presenza e participación o apoio aos actos e actividades en que a nosa lingua, a nosa poesía e a propia Galiza eran o motivo central, as máis novas e os máis novos puidemos gozar da súa presenza e da súa conversa. E ese xeito de ser escritor galego con todas as consecuencias é o legado que del recibimos a xeración que fecha o século XX. Recibimos, defendemos e asumimos: a súa maneira de ser poeta é para nós exemplo a seguir.

Hoxe, ao lermos a Manuel María, non podemos deixar de comprobar que algúns dos seus versos seguen tendo vixencia. En contra do seu temor a que os seus versos perdesen rapidamente actualidade (tal e como lemos no libro Remol), algunhas das críticas e reivindicacións que el realizou desde o poema, son aínda necesarias. Como o “Poema do alleado”, moi axeitado para ler despois das conclusión do Cuarto Informe do Comité de Expertos da Comisión Europea das Linguas minoritarias, que se facía público esta semana, e dedicarllo aos que están gobernando en San Caetano:

Son un bilingüista

moi apaixoado,

un colonialista

ben colonizado.

Con toda a retranca, por suposto!

Felicitámonos de que as letras de 2016 honren o poeta Manuel María. Leamos os seus versos. Mellor, fagamos dos seus versos bandeiras que nos guíen.

Defendendo o idioma como sexa

Atopando a Galiza en nós.

Marta Dacosta, xaneiro de 2016.