Xoves, 17 Aug. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Opinion Desde a Paraguda Pobo e nada máis

Pobo e nada máis

Correo-e Imprimir PDF
marta dacosta

O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo

Estes dous versos acompáñanme de cote. Por iso adoito empregalos en unidades didácticas e obradoiros. En discursos, en conversas ou neste artigo. Con estes versos inicia Manuel María o poema A Fala. Dous versos que nos dan a clave de por que o vinte e cinco de xullo saímos á rúa. Porque é a través do idioma como nos situamos no mundo, como nos recoñecemos galegas e galegos e tomamos conciencia de que pertencemos a unha nación diferenciada que lexitimamente aspira á súa soberanía.

Manuel María escribiu este poema entre os anos 1978-79, forma parte de As rúas do vento ceibe, libro destinado aos nenos e nenas. Segundo Camilo Gómez Torres (Manuel María: os traballos e os días, 2001) faino animado pola adaptación musical que Suso Vaamonde fixera do seu Os soños na gaiola, esoutro libro en que lemos:

Galicia somos nós:

a xente e máis a fala

¡Si buscas a Galicia

En ti tes que atopala!

Mais tamén para dar satisfacción “ás demandas que os nenos e nenas galegos lle achegaran nas súas cartas desde 1972”. Como di Manuel María na “Carta ós nenos que pode servir de prólogo a este libro”: “Quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia. E alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.”

Alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro,por isto volvo hoxe aos poemas de Manuel María para convertelos en argumentos que nos convocan á nosa celebración. Como el mesmo dixo, o 25 de xullo: “Coa nosa bandeira ó fronte / non hemos retroceder. / ¡Galicia ten que ser ceibe! / ¡Temos, irmaus, que vencer!” (“Día da patria galega”, As rúas do vento ceibe).

Convertemos a poesía en argumento porque ten o poder de falarnos a través do tempo. Nos poemas de Manuel María atopamos unha mensaxe clara para este momento político:

Galicia é o pobo e nada máis
O que non é pobo non pode
ser Galicia…

Nós, que somos pobo, seguiremos
sendo pobo eternamente.

No pobo está a verdade.
E soio o pobo ten e garda
a esencia indestrutible de Galicia.

É un fragmento dun poema de Versos para un país de minifundios, 1968, un libro en que Manuel María enuncia os principais problemas do noso país: “fala materna, // emigración, pobreza, economía,// conciencia, minifundio, compromiso” Denomínaos:  “verbas arrepiantes”, porque producen arrepío entre os defensores do sistema, eses que procuran que non se fale deses temas, que nin sequera se pronuncien esas palabras.

No Congreso Manuel María. Literatura e nación, celebrado en 2005, sinalamos que foi a poesía dos 90 a que tomou como referentes literarios os autores e autoras da xeración de 57, seguindo a denominación establecida por Xosé Manuel Millán. A ela pertencen Manuel María, Bernardino Graña e Uxío Novoneyra, tres poetas que teñen en  común un trazo que denominamos visión ecocéntrica, é dicir, unha visión que trata por igual humanidade, animais, natureza e planeta. O “ home –e o poeta como metonimia de toda a humanidade- deixan de ser o centro do universo literario para converterse nunha parte máis, nin sequera privilexiada, e o seu oco vai encherse coa omnipresencia da natureza, a materia e as súas forzas desatadas.” (Millán Otero, “O contexto literario”, en B. Graña, Profecía do mar, 1995). Esta relegación do antropocentrismo é evidente na poesía de Manuel María que pon en pé de igualdade natureza, animais e persoas: “¿Cándo faremos un mundo no que poidan // cantar libremente en paz, // en auténtica irmandade, // homes, ventos, planetas, ríos e paxaros?”

Esa visión do mundo e a súa capacidade para converter en palabra poética a urxencia do tempo que lle tocou vivir é o herdo que reclamamos as xeracións que vimos finalizar o século XX. Chamámoslle a esa poesía socialrealismo, utilizando esa etiqueta para acubillar baixo a mesma denominación poéticas diferentes. O propio Manuel María é quen sinala a diferenza nun artigo en que nos fala da súa admiración por Celso Emilio: “O que non foi ... é o que se entende ... por poeta nacionalista galego como, por exemplo, Ramón Cabanillas. A temática da poesía de Celso Emilio Ferreiro vale pró povo galego. Esto é evidente. Pro hai unha temática específicamente galega – normalización da lingua e da cultura, autodeterminación, situación do asoballo nacional, dependencia, etc.- que non aparece na súa poesía, se exceptuamos o fermosísimo poema adicado ao idioma propio.” (“O meu Celso Emilio Ferreiro”, Celso Emilio Ferreiro. Común temos a patria, 1989).

Temos a fortuna de podermos celebrar o vindeiro 2016 o ano de Manuel María. O certo é que, desde que soubemos a nova, comezamos celebralo. Por iso hoxe, este vinte e cinco de xullo, pensei que era acaído volver aos seus versos. Ler de novo as súas palabras acendidas. Memorizar pos seus poemas porque son o mellor argumento:

… estamos vivindo sulagados nun

caos/anacrónico/suicida

 Mais

somos donos dun ideal,

temos bandeira,

contamos

que pobo que non renunciou

ó dereito de vivir

 i está

disposto a tirar tódolos xugos,

rachar as infindas cadeas

que o teñen amarrado

ó subdesenrolo,

 ó asoballamento

i a i-n-x-u-s-t-i-c-i-a

Compre

comenzar polo principio,

dinamitar o vello/vergoñoso

edificio colonial/imperialista

e construír, dende os cementos,

unha patria nosa/nova/ceibe:

A GALICIA POPULAR/SOCIALISTA

QUE NÓS SOÑAMOS

E QUEREMOS

(Poemas pra construír unha Patria, 1977)

Marta Dacosta, 25 de xullo de 2015.