Martes, 25 Apr. 2017

Actualizado05:00:34 PM GMT

Estás en Opinion Crónicas da vella Erizana A Palma, o emprazamento da Vila Vella

A Palma, o emprazamento da Vila Vella

Correo-e Imprimir PDF
anxo

Corría o ano de 1664 e España e Portugal enfrontábanse na coñecida como Guerra de Restauración portuguesa (1640-1668). Monterreal era un dos puntos clave na defensa da costa sur de Galicia, de aí que os baioneses sufrisen en primeira persoa as consecuencias da situación bélica. D. Juan Feijoo de Sotomayor, mestre de campo da forza de Monterreal, deu orde na vila de derrubar máis de 400 casas alegando ser necesario para "dejar francos los aproches de la fortaleza en la parte de la Palma hasta el monasterio de Monjas Dominicas".

A defensa era o principal e a muralla que baixaba polo Baluarte do Condestable e protexía á Vila Vella das inclemencias do tempo non era suficiente para poder defender o espazo que hoxe ocupa Elduayen e a Rúa Ramón y Cajal. A Raíña Gobernadora, Mariana de Austria, nai de Carlos II, chegou a considerar as casas nunha Real Cédula de 1671 como "de las mejores del Reino". Ás casas debemos sumarlle na demolición a Casa da Vila, así como o traslado do Hospital de Sancti Spiritus e capela da Misericordia.

O 2 de xuño do 1664 tivo lugar unha reunión preto das casas da Cuncheira na que se reuniu o Correxemento cos veciños en concello. Acordouse por seguridade demoler as casas da vella Baiona, véndose obrigados do contrario os baioneses a erguer fortificacións por fóra desta as súas expensas. Chegou a ofrecérselle ao rei uns 30.000 reais de vellón a cambio de evitar tal desastre pero o bando fíxose efectivo o 2 de marzo do 1664. Ao tambor e pregoando a triste noticia, Marcos González: "que todos los vecinos de cualquier condición y calidad que sean, que vivieren en la calle de la Concheira hasta arriba a la Plaza, tomando desde la Mariña por medio de dicha calle hasta la puerta, y todas las casas, paredones y edificios que hubiere fuera de la dicha Puerta de la Concheira, desde el crucero que se nombra y dize de San Patricio (...) saquen de las dichas casas todos y qualesquier vienes y acienda que tubieren en ellas, por quanto se an de demoler y derriuar". Aqueles con terreos no Alto de Monterreal poderían reconstruír alí as súas casas ao igual que os que non os tiveran, aos que se lles facilitaría o espazo "donde mejor les convenga". A importancia dos mariñeiros asentados na Vila Vella, queda patente na orde de procurar "el maior alivio que se pudiere para los mareantes" e que estes puidesen "salir a sus pescas a tiempo y oras conpetentes".

Coñecemos o nome de moitas das rúas existentes na Palma, aínda que por carecer de planos, descoñecemos a súa localización exacta: Rúa da Faixa, das Vellas, da Burela, dos Galantes, dos Ferreiros, da Carnicería Vella, Praça do Canto, do Mal Cociñado... A perda de poboación foi considerable si sumamos á marcha de habitantes por non ter casa, a incursión portuguesa que en 1665 causou grandes perdas materiais coa entrada das tropas por Goián. No 1666 Baiona sería de novo saqueada xunto con Vigo, que foi artillado. Padecería grandes perdas nas súas colleitas neste ano a parroquia de Baredo.

A Colexiata de Baiona plasmou nos seus libros de facenda, o dano económico que supuxo nela a diminución de rendas e pensións. Os racioneiros escribiron así: "La Colexiata ha perdido mucha renta en la demolición de las casas que thenia suias en la Concheyra". Anótase neste mesmo parágrafo que "la piedra la zedieron los Racioneros a su Real Magestad gratis para hazer la sisterna y redificar las murallas".

Dende a citada demolición, A Palma cambiou ao longo dos século de uso. Pasou de ser o lugar onde facían vida os nosos antepasados a ser tendal de longas redes que a cruzaban dende A Cuncheira á Ribeira, espazo aproveitado para poñer a roupa a clareo, lugar de esparexemento público co campo de fútbol, e torreiro de festas con palco sufragado por Don Ángel Bedriñana en 1927. A Palma ten moito que contar..

Anxo Rodríguez Lemos
Estudante de Historia na Facultade de Santiago de Compostela