Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas O triángulo rupestre

O triángulo rupestre

Correo-e Imprimir PDF
Petroglifo das Millaradas II

Por Carlos Méixome - Publicado no Xornal A Peneira.


No pasado novembro tiveron lugar en Baiona unhas xornadas sobre arte rupestre. Nas sesións vespertinas e nunha dilatada xornada sabatina debateuse sobre o contexto histórico, o estado de conservación e os proxectos de intervención sobre a máis xenuína demostración da arte galega, como acostuma enfatizar Antonio de la Peña. Ata a vila miñorá achegouse tamén o arqueólogo Antonio Pedro Batarda Fernándes para informarnos dun fenómeno, certamente insólito, como foi que a presión, non dos veciños, senón dos “urbanita” do Porto e Lisboa, impedise a construcción do encoro que ía asolagar os gravados prehistóricos da Foz do Côa http://www.uc.pt/fozcoa/ , así como das dificultades iniciais para por a andar o Parque Arqueolóxico que hoxe non só se autofinancia senón que se converteu na marca comercial dos máis diversos productos da comarca do Vale do río Côa, ademais, por suposto, de ter asegurada a conservación das gravuras rupestres.

Nas xornadas baionesas púxose unha vez máis de manifesto o enorme valor histórico e estético e, en consecuencia, económico dos tres conxuntos-estrela que temos no Val Miñor, aínda que un quede na extrema territorial miñorá e nos lindes administrativos de Tomiño. Falamos dese extraordinario e diverso triángulo que forman o enorme panel de armas de Auga da Laxe en Vincios-Gondomar, o non menos impresionante conxunto do Outeiro dos Lameiros en Sabarís-Baiona e, no outro vértice, a espectacular superficie, duns douscentos metros cadrados, gravada no Monte Tetón en Tebra-Tomiño, ben preto da parroquia gondomareña de Couso. Armas, cuadrúpedes, circos, coviñas, reticulados, abstracción… de todo hai nesta arte seguramente catro veces milenaria. E aí están, nunha comarca que seica ten vocación turística pero que, como burro con orelleiras, se auto-limita a praias e marisco, mentres ignora ou despreza os seus moitos valores paisaxísticos, patrimoniais, ecolóxicos ou agrarios.

A sociedade miñorá debería dar os primeiros pasos neste camiño de protección, conservación e posterior difusión destas xoias patrimoniais. Non se trata de colocar tres ou catro paneis informativos, o valor destas ridículas intervencións quedou manifesto nas imaxes coas que os relatores iluminaron as súas exposicións, senón en deseñar plans economicamente viables e temporalmente perdurables. Sabemos que neste asunto andase a traballar por parte da Comunidade de Montes de Sabarís e tamén por parte da de Tebra e do concello de Tomiño. Descoñecemos calquera iniciativa a respecto do conxunto de Auga da Laxe. Máis é necesario un plano director que xunte os esforzos individuais. Ese proxecto conxunto debería estar comandado polos concellos do Miñor que poderían e deberían reclamar a colaboración do goberno galego. En particular coido que é responsabilidade especial do concello de Baiona, por ter no seu territorio un dos vértices citados e tamén por ser o referente turístico no que poder asentar un centro de interpretación dos petroglifos que actuase a xeito de lanzadeira de visitantes aos outros dous puntos.

Infelizmente tras o remate das xornadas queda un escasamente esperanzado. As personalidades políticas ou sociais que por alí pasaron foron poucas e a maioría por estricto compromiso. Mentres as inversións turísticas estráganse en festas de papatoria, subvencións a estrelas televisivas, fugaces ou casposas, ou en adular aos “veraneantes” cunha mentalidade propia do “desarrollismo tardofranquista”.