Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas PREOCUPA Nigrán

PREOCUPA Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
DSCN2789
Por Carlos Méixome - Publicado na Peneira

Nalgúns círculos da cidadanía miñorá, hai tempo que preocupan, e profundamente, os insistentes rumores sobre determinadas inversións que seica se están a producir no concello de Nigrán. Segundo ese ruxerruxe, importantes inversores adquiriron nos últimos tempos extensas fincas, algunhas delas vencelladas a relevantes bens patrimoniais. A mesma rexouba orienta esas inversións cara a proxectos relacionados coa construcción. Tampouco é nada novo e o petisco ben apetecible: aproveitar as circunstancias para mercar a bo prezo contando coa posibilidade, ou mellor coa seguridade, de que axiña se converterán en terreos edificables e ben comunicados, nun atractivo Val Miñor, próximo a Vigo, con praias, aeroporto, autoestrada ata a porta... e mesmo cun polígono industrial que non vai ser tal, senón de servizos. Dos tres concellos miñoráns, a estas alturas do século XXI, só Gondomar ten Plano Xeral. Cos seus problemas, sen infraestructuras, sen aparcamentos, con discrepancias e decisións discutibles, pero teno. Esta é a circunstancia que está a permitir o seu crecemento harmónico e ordenado, estámonos a referir á vila. É o plano urbanístico o que está a consolidar un centro urbano de servizos e a coutar o caos nas parroquias.

Mentres, en Nigrán, a ausencia dun ordenamento xeral facilita e fomenta, dende hai moitos anos, a actuación de capital especulativo. Seica nos últimos tempos, mesmo en grandes dimensións. Sempre é mellor o peor Plano Xeral que non ter ningún. O caso de Baiona é bastante similar. Esta realidade urbanística explicaría tamén que sexa no concello de Gondomar onde hai unha certa lóxica representativa, con presencia dos tres grandes partidos políticos,mentres que nos outros dous, os gobernos municipais seguen a estar mediatizados por grupos de interese que acostumamos a denominar “independentes”.

A preocupación de moitas persoas que elixiron o Val Miñor para residir e non queren que este fermoso anaco do país se converta nunha Costa do Sol do Atlántico cun monocultivo de turismo, tornouse en desacougo cando se coñeceu a nova de que lle prenderan lume ao coche do portavoz municipal do BNG en Nigrán.

O desacougo aumenta se pensamos que nos días anteriores David Xiráldez denunciara unha tala indiscriminada de árbores na península de Monteferro e argüía que a construcción dunha ampla estrada con beirarrúas e abundante iluminación non era un paseo senón abrir as portas á invasión de ladrillo e formigón nunha das escasas paraxes naturais que se conservan na costa miñorá. Non temos ningunha información para establecer relación entre un feito e o outro, mais tampouco para desbotala.

O novo goberno galego vai ter que fíar ben fino. Proxectos de urbanizacións, ás veces apegadas a campos de golf, en áreas de influencia de pazos, en espazos naturais ou de propiedade comunitaria van chegar a manchea aos seus despachos. As presións serán moitas e os que sempre prefiren o seu propio beneficio ao patrimonio común non dubidaran en saírse coa súa.

Aos que nos gustaría unha alongada e ordenada, e xa imposible, Barcelona do Atlántico, dende Chapela a Baiona, como soñara Antonio Palacios, deberiamos espelirnos un pouquiño para dificultar, cando menos, estas “indecentes proposicións”.