Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas E o barco foise

E o barco foise

Correo-e Imprimir PDF

Carlos Méixome, publicado no Xornal a Peneira

Non sei se lembran E la nave va, o filme do gran Fellini que só o seu extraordinario xenio podía imaxinar. Polo tenso Adriático previo á Gran Guerra navega un barco ocupado por unha polimorfa manchea de personaxes reunidos para dar o adeus definitivo a unha estrela do â??bel cantoâ??. O filme, tras a chegada duns refuxiados serbios, dun ameazante barco de guerra e da aparición dos fogueiros e demais traballadores, convertese nunha ópera bufa, nunha parodia dun mundo que chega ao seu fin.

Neste Val Miñor noso, tivemos, durante meses, de xeito permanente, unha parodia de barco. Unha nave que non podía navegar. Non tiña motor. Unha barca de ferro que os seus propietarios pretendían converter en restaurante nun exercicio de pretendida modernidade cutre. Unha parodia felliniana.

Este país noso sempre dá para cousiñas así. Hai tempo, non lembro ben onde, mais coido que preto de Padrón, alguén tivo a fulgurante idea de converter a carcasa dun avión nun bar con música. Saíu nos xornais e ao pouco todos nos esquecemos da xenialidade. A diferenza está en que mentres os afeccionados á navegación aérea sen motor puxeron a chatarra nun eido particular, alá pol´A Mahía, os seareiros da navegación mariña sen motor situárono mesmo no medio do esteiro do Miñor, esto é na sala principal do noso Val. E por riba querían que se lle considerase como uns benfeitores empresarios preocupados pola creación de emprego e o desenvolvemento turístico.

Do mesmo xeito que coñecín da súa arribada, comentada no seu momento nestas páxinas d´A Peneira, souben da súa partida. Daquela varios mozas e mozas dixéronme: â??Profe, profe e que fai ese barco aí?â??. Agora outros mozos e mozas comentáronme non sen disimulada rexouba: â??Profe, profe, e o barco foiseâ??. Pois si, ao fin, con relativa nocturnidade, o barco, que non o era, desapareceu. Foise nun silenzo fantasmal, tal como chegara.

Mais non coiden vostedes que a súa marcha tivo a súa orixe nun repentino exercicio de racionalidade por parte dos innovadores empresarios, nin tampouco  nunha eficaz defensa do espazo público, ¡e que espazo!, por parte de quen o debería facer, esto é o concello de Nigrán. Non, a razón estivo na decisión e perseveranza dos particulares e asociacións que presentaron reclamacións ante a Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente. O asunto estes das costas seica é tan importante que non se lle pode deixar en mans das autonomías, pois podería resentirse a unidade de España.

O debate que levaría  a elaborar as alegacións iniciouse no daquela existente, e agora morto ou camiño diso, Foro do Medio Ambiente de Nigrán. Presentáronas, ademais de diversas persoas a nivel particular, as seguintes asociacións ou entidades: Confraría de Pescadores â??A Anunciadaâ?? de Baiona, Asociación A Groba,  Instituto de Estudos Miñoranos, Coordinadora para o Estudos dos Mamíferos Mariños, Asociación Galega de Mariscadoras, Amigos de la Tierra, ERVA. Setecentas persoas asinaron en apoio destas argumentacións.

Meses despois, dez de xuño de 2004, a Dirección General de Costas denega o permiso para a â??... ocupación de bienes de dominio público marítimo-terrestre con destino a la instalación de un barco restaurante...â??. Un ano seguiu aínda o barco chantado na Foz. Houbo que perseverar. A Groba e o IEM presentaron escritos ante el Defensor del Pueblo. Finalmente, aos poucos días de Fernando Lahuerta anunciar, en nome destas asociacións, que ían presentar un escrito ante a Comisión da Medio Ambiente da Unión Europea, aquel corpo sen alma, pois non se lle pode chamar barco,  afastouse do esteiro nunha morna tardiña de xuño. Ao día seguinte a Foz luciu en todo o seu esplendor para celebrar a victoria popular.