Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Patacas novas

Patacas novas

Correo-e Imprimir PDF

Por Carlos Méixome - Publicado no Xornal a Peneira

Xa van alá esas patacas temperás e pequerrechas, que nin se pranan, e elevan  calquera asado ou estufado á categoría de delicioso.

Ata os cativos saben que a pataca procede, como outros productos de uso común na actualidade, de América. En concreto dos Andes, onde os  pobos sometidos ao Inca as cultivaban en diversas variedades, ata 700, e en elevadas altitudes. Non é pois ningunha novidade falar da procedencia americana dun tubérculo tan presente na dieta alimentaria dos europeos en xeral, e moi en particular dos galegos. Somos nós uns dos principais devoradores deste froito de debaixo da terra,  Manuel Rivas definiunos nunha ocasión como Os comedores de patacas, afección esta que compartimos con outros pobos da Europa atlántica, en particular cos irlandeses, cos que temos moitos outros elementos comúns.

Sen embargo a introducción da pataca no noso continente e no noso país foi un feito serodio. Os primeiras noticias que se teñen do seu emprego en Europa, proceden da Lorena, a rexión fronteiriza, causante de tantas desgrazas históricas, entre o que hoxe son Francia e Alemaña. Seica en torno a 1630 cultivouse naquelas terras para consumo humano, claro que foi durante a brutal Guerra dos Trinta Anos e a fame era moita. O binomio fame-pataca está presente na expansión deste producto, en principio, pouco atractivo para o consumo.

En Galicia temos noticia de que se plantou no convento  padronés de Herbón en 1607. Pero será moito máis tarde cando se xeneralice o seu cultivo para consumo animal e aínda tardará moito máis en formar parte da dieta humana. Daquela a base alimentaria dos galegos era a castaña, non ten pois nada de estraño que as primeiras denominacións da pataca fosen â??castaña mariñaâ?? ou â??castaña das Indiasâ??. Cara mediados do século XVIII o seu cultivo foise estendendo e tamén modificando a paisaxe agraria ao poder cultivarse nas terras altas do interior.

A mediados do século XIX temos noticias de que as persoas maiores negábanse a comer patacas. O seu consumo rematou por impoñerse en torno a 1850, coincidindo coa expansión dun parasito, procedente tamén de América, que estendeu a enfermidade da tinta e que deu conta, con certa rapidez, dos enormes soutos de castiñeiros que inzaban a paisaxe galega. A escaseza de castañas impulsou a súa substitución pola pataca, mudando así o fundamento da dieta alimentaria galega, que se mantiña dende a prehistoria.

Na segunda metade do século XIX, os malos anos agrarios e as pésimas colleitas de patacas empurraron  esa enorme enxurrada migratoria que deixou o país medio baleiro. Un caso semellante pasou en Irlanda co que os estudiosos denominan a â??crise da patacaâ??. Nova similitude coa illa miticamente fundada por Ith, o fillo de Breogán.

No noso Val Miñor a introducción da pataca deuse tamén na segunda metade do XIX e nela seica xogou un importante papel don José Arias Teixeiro y Correa. Cando o vello carlista, que fora Ministro Universal do pretendente don Carlos, regresou do seu longo exilio en Francia, en 1865, á súa casa de Pías, en San Pedro da Ramallosa, converteuse nun propagandista deste producto  e, aos poucos, foi mudando a convicción dos labregos que seguían pensando que debaixo da terra non podía medrar nada bo.

José Arias Teixeiro, introductor da pataca no Val Miñor segundo un gravado de B. De Artágen