Sábado, 5 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas As contas das folgas...á conta das folgas!

As contas das folgas...á conta das folgas!

Correo-e Imprimir PDF

Levamos algo máis de dous anos xa de "ESCOLA PÚBLICA DE TOD@S, PARA TOD@S"; contra os recortes no ensino público e un intenso último ano de "VENRES NEGROS" e mobilizacións contra a política educativa do PP recollida na súa Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), máis coñecida como "LEI WERT".

 

Os traballadores e traballadoras do ensino público de Galicia (Ed. Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Ciclos, Escolas de Idiomas, Conservatorios...) fomos convocados neste ano 2013 a tres xornadas de paro. A última FOLGA XERAL NO ENSINO foi o pasado 24 de outubro.

E, coma sempre, como cada vez, asistimos aquel mesmo día -e os seguintes- á xa habitual "guerra de cifras":

- Para a Consellería estivo en folga un 20% do profesorado: Un fracaso de convocatoria.
- Para as organizacións sindicais convocantes, estivo en folga o 80% do profesorado: Un éxito de convocatoria.

Nin tanto nin tan pouco... Deixémolo nun empate. Poñamos que un 50% apoiamos a folga e outro 50% non. Que vos parece?

Ben, pois é que en Galicia somos, aproximadamente, 25.000 docentes ! E a cada un de nós descóntannos da nosa nómina uns 100 euros por cada xornada de paro ! Botádelle agora as contas... O 50% de 25.000 son 12.500 persoas en folga. 12.500 persoas en folga x 100 euros cada un son... UN MILLÓN DOUSCENTOS CINCUENTA MIL EUROS  “aforrados” cada xornada de FOLGA !!

Un millón e cuarto de euros que a Consellería de Educación deixou de pagar en Nóminas do Profesorado "grazas" á Folga do pasado 24-O.

En 2013 isto sucedeu TRES VECES (4 de febreiro, 9 de maio e 24 de outubro) ...
1.250.000 € x 3 = 3.750.000,00 €

TRES MILLÓNS SETECENTOS CINCUENTA MIL EUROS en 2013 !!

É certo que non son contas ao detalle. Son estimacións... Pero hoxe, na Consellería de Educación, coñecen perfectamente nomes, apelidos, e demais datos de todas e cada unha das persoas que, en cada ocasión, decidimos apoiar a convocatoria de folga. E coñecen tamén na Consellería, con total exactitude, a cantidade de euros que se deixaron de pagar en concepto de nóminas.

Na Consellería de Educación sábeno ben ! Que nolo expliquen !

Como figuran estes cartos nas contas da Consellería? Para que e como foron utilizados?
Que teñen pensado facer con eses máis de 3,5 millóns de euros?

A comedores escolares...?, A becas e axudas para libros e material escolar...?, A gasóleo para as calefaccións das escolas...? , A mellorar a dotación das bibliotecas escolares...?, A obras, a melloras de equipamento...?, A transporte escolar...?, A contratar máis profesorado...?, Volveron á "Caixa Xeral" da Xunta...?

Queremos saber! . Temos dereito a saber!

Bruno Centelles García.
(Mestre de ensino primario)