Venres, 13 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Cartas En Nigrán só importan os coches

En Nigrán só importan os coches

Correo-e Imprimir PDF

Observamos con preocupación como nos últimos meses as actuacións do Concello de Nigrán están claramenta dirixidas aos vehículos a motor, e non ás cidadás e cidadáns. Asistimos á deshumanización da Ramaiosa, fomentando o tráfico nas rúas do interior; ao non cumplimento do carril bici Vigo-Baiona ao seu paso por Praia América, eliminándoo por completo a pesar do crecente uso deste vehículo nos últimos tempos, especialmente no verán; á proposta no PXOM de viais que atravesan zonas rurais; e estes días, coincidindo coas festas de San Xoán en Panxón, reordenouse o tráfico polo centro da vila, de maneira que aumenta o tránsito por rúas pequenas, estreitas.

Non se poden impoñer normativas que vaian en contra da habitabilidade das persoas. Deberiamos ter rúas principais, ben acondicionadas, para o tránsito entre os distintos núcleos de poboación, e por outro lado viais secundarios que sirvan para acceder ás vivendas máis dispersas. O que non se pode permitir son as accións de Valverde, que emprega estas rúas secundarias para o tránsito de vehículos. O que consigue desta maneira é aumentar a perigosidade destas rúas, que non foron deseñadas para soportar tanto tráfico. Ademáis, empeóranse as condicións de vida das persoas afectadas, xa que diminúen os espazos abertos ocupados agora por coches. Onde nos vamos meter agora? En centros comerciais?

É curioso, e preocupante á vez, botar unha ollada fóra e observar como cidades e vilas onde mellorou a calidade de vida son aquelas onde, entre outras cuestións, establecéronse medidas para diminuír o tráfico de coches, ben con aparcamentos disuasorios, fomento do uso da bicicleta ou do transporte público. Valverde vive alleo a esa realidade e impón en Nigrán un modelo arcaico, onde as persoas teñen un papel secundario.

 Andrés Estévez