Venres, 23 Jun. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Opinion Cartas Salvemos Monteferro

Salvemos Monteferro

Correo-e Imprimir PDF
"Monteferro é un lugar con aura, cun poder magnético. Eu visitábao a miúdo na miña infancia, gozaba intensamente da súa beleza, e, por iso, está marcado no mapa da miña educación sentimental como lugar sagrado". Son palabras da escritora viguesa Rexina Vega. Hai algo máis de dous anos, perpetráronse neste monte enormes cortas ilegais de arborado, cortas que xeraron alarma social pola súa intensidade.

Grandes calvas ían aparecendo por distintas partes do que ata entón fora un bosque tupido. Outra ameaza pesaba daquela sobre o lugar: un proxecto de circunvalación, con rotondas, iluminación, aparcamentos, beirarrúas...

Eses dous foron os motivos que impulsaron naqueles días o nacemento da Asociación Salvemos Monteferro. Hoxe aquel proxecto urbanizador está felizmente retirado, pero as cortas masivas volvéronse producir hai poucos días.
Constitúen unha actuación ilegal que polo tanto denunciamos. Vulneran o estipulado nas Normas Subsidiarias desde Concello de Nigrán que na súa Ordenanza 17 prohiben explicitamente para Monteferro "La tala de arbolado que no se produzca por entresaca". E así o deberon entender tamén os responsables municipais que, como consecuencia desa denuncia, ordenaron a paralización cautelar dos traballos. Trátase simplemente de que se cumpra a lexislación vixente.
Monteferro é un tesouro que milagrosamente chegou intacto ata nós.

O seu valor acrecéntase cada día, cando ao redor todo se urbaniza. O seu carácter de espazo natural nese lugar prixilexiado é un dos valores con máis futuro do Concello de Nigrán, sempre que sexamos capaces de conservalo sen estragalo, sen que perda a súa condición de natureza en estado puro, a única que nos queda no litoral desta banda da ría.

No seu día, Salvemos Monteferro elaborou e presentou ao Concello e á Comunidade de Montes un Plan Alternativo para Monteferro con propostas moi variadas para a conservación do monte como tamén para conseguir unha explotación racional do mesmo.

Arrasar sistematicamente o arborado non parece unha práctica moi aconsellable, nin aquí, nin en parte ningunha.