Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas As estratexias do cinismo

As estratexias do cinismo

Correo-e Imprimir PDF
Por Carlos Méixome
Aproveitando os pasados días do entroido achegueime ata a Baiona verdadeira e fermosa, non a das reais nostalxias de espermatozoides ou fazañas coloniais, senón á de dereitos cidadáns. Vagabundeei, mañá fría, por calexas de lousas centenarias. Acudín á fachada, cun aquel de fortaleza inacabada presidida por rosetón tardo románico, da antiga colexiata. Deille unha volta para gozar da ábsida máis primitiva e batín de fociños cunha enorme cruz gravada nos perpiaños graníticos erguidos hai séculos por mans gremiais. O símbolo que na súa orixe significou o reino da xustiza e da liberdade acolle baixo os seus brazos unha relación de nomes comandada por José Barreiro Troncoso, alférez provisional, e por Luís Refojo Mariño, cazador de entobados e furibundo perseguidor dos Ineses. 
A descuberta do agocho, en Sabarís, de Luís e Pepe Pérez Luís, os fillos de Inés, rematou coa morte destes, do falanxista, da anciá Dolores Samuelle e desencadeou a matanza vingativa de nove veciños do Val Miñor, no lugar coñecido como Volta dos Nove. A relación santificada pola cruz complétase con dez nomes máis. Todos, agás o referido Refojo, morreron, segundo teño entendido, na fronte de guerra, a moitos quilómetros de Baiona e de Galicia. Como heroes da cruzada alí foron homenaxeados durante décadas. Alí seguen os seus nomes. Á dereita o xugo e as frechas, nun semicírculo, o nome do líder: José Antonio Primo de Rivera. Debaixo a frase de orde: ¡Presentes!

Lembro isto porque contra os días últimos do pasado ano o Parlamento galego
aprobou unha proposición non de lei para a rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todos os asasinados e represaliados polo réxime franquista e a anulación dos consellos de guerra a que foron sometidos. Así mesmo, a cámara instou ao goberno a adoptar outras medidas de reparación económica, de eliminación de simboloxía franquista, etc. O Partido Popular abstívose, agás no recoñecemento da figura de Bóveda. A razón dada polo seu portavoz, referendada polo seu máximo dirixente uns días despois, foi que a “iniciativa era sectaria” e que a reparación da memoria histórica se tiña que estender a todas as víctimas da guerra civil. É a estratexia do cinismo igualador de responsabilidades.

Lembro agora tamén que por aqueles días andei de visita ao cemiterio de Mos cos amigos Antonio Monroy e Ramón Pérez Domínguez. Procuraban eles facer memoria e lembrar os lugares onde foran soterrados os seus respectivos pais, asasinados nun dos moitos días de infamia daqueles terribles meses finais de 1936. Nin unha cativeira inscrición no campo santo os recorda.

Nestes últimos días estamos a asistir á posta en escena dunha nova estratexia do cinismo. Hai xente que afirma sentir luxado o digno nome da súa familia se se relaciona a algún dos seus membros cos asasinatos de hai setenta anos. Os ofendidos recorren aos xuíces para protexer o seu honor. Así o fixo a familia de Manuel Gutiérrez Torres, xefe local da Falange e alcalde de Cerdedo na década dos 40, quen presentou unha demanda de conciliación contra o historiador Dionisio Pereira, ou a de Joaquín Álvarez Lores que solicitou, e conseguiu, do xulgado de Cambados a clausura dunha web na que se podían consultar os diarios de Ramón Garrido, veciño do Grove exiliado en Francia e que alá morreu hai tempo, nos que se relacionaba ao ex alcalde grovense coa elaboración das listaxes dos que logo serían paseados.O xuíz afirma: “no existe dato alguno que pueda considerar acreditado los hechos”. Descubriu a pólvora. Evidentemente, dos tecnicamente denominados “asasinatos paralegais” non quedou documentación ningunha e só temos “fontes orais”. Son as únicas fontes historiográficas que posuímos e algúns pretenden invalidalas. Moitas das consideracións do auto xudicial cambadés van nesta dirección.

Hai poucos días entrevistei a un veciño de Gondomar. Deume nomes de paseados, algún aínda sen aparecer en ningún rexistro, de veciños da súa parroquia que estaban nas listaxes negras (dous deles asasinados), de autores das mesmas, de sospeitosos de participar nos paseos, de xefes da Falange, de membros da Guardia Cívica, de propietarios dos coches empregados nos paseos. Aos poucos días chamoume para dicirme que non fixese públicos eses nomes porque non desexaba enfadarse coas familias dos citados. ¡Total, setenta anos despois!

Preténdese manter o silencio. Podemos coñecer os nomes dos asasinados, pero debemos seguir mantendo oculto o dos asasinos.