Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Abril en Baiona

Abril en Baiona

Correo-e Imprimir PDF
Por Carlos Méixome - A Chan de Valverde "Xornal A Peneira"
Para moitas persoas da miña xeración o mes de abril ten unhas especiais connotacións, non só por ser o inicio da primavera climatolóxica, senón tamén, e por riba de todo, por ser mes de primaveras políticas. Moitos vivimos, dende a distancia, mais afervoadamente, aquel abril do 74 inzado de cravos ao que felizmente nos convocaban o Zeca Afonso, o Vasco Gonçalvez, o Otelo, o Rosa Coutinho e tantos outros. Outra xeración tivo tamén o seu abril, o de 1931. A ben seguro que os daquela mozos viviron con moita máis intensidade que nós a súa primavera, simplemente porque eles eran protagonistas e nós só espectadores.
Acerca da influencia do abrollar primaveral nos grandes cambios políticos chegáronse mesmo a formular certas teorías para – históricas que sinalan a coincidencia entre os estoupidos sociais e os florais. Coa primavera iniciáronse a revolución francesa e a norteamericana; a independencia de Grecia proclamouse por maio, o mesmo que a revolta estudantil e obreira do 68. As revolucións liberais concentráronse nestes meses e tamén o levantamento de Praga. Para este asunto parece que os rusos son un pouco máis sombríos, fixeron a súa revolución burguesa por febreiro, a proletaria por outubro e deixaron a desfeita da Unión Soviética para decembro.

Bromas climatolóxicas aparte, gustamos de abril e non pola Semana Santa. Diciamos que foi por abril cando se proclamou a II República. A estulticia da monarquía restaurada e a verborrea da ditadura de Primo de Rivera, unha bagatela autoritaria comparada co horror que viría máis tarde, fixeron que a “nena bonita” fose recibida con ledicia contida pero non disimulada e apresuradas ilusións, quizais excesivas. Esa alegría contida pero preñada de esperanza tamén se estendeu polo Val Miñor. Poucas veces un cambio de réxime político se produciu con tanta unanimidade e mesura.

Non lembro agora se nalgunha ocasión falamos nesta Chan de Val Verde de Herminio Ramos, un coñecido personaxe da vila de Baiona e estudoso da súa historia. Nunhas notas manuscritas e inéditas don Herminio anotou:

“1931.Abril,15. Se enarbola la bandera republicana en el balcón del Ayuntamiento de esta villa por haberse proclamado la República en toda España.
El comunista Joaquín Mandado en el salón de la Casa Consistorial dice: que los cuadros que están allí pintados al óleo de los generales Primo de Rivera, Anido y Alfonso XIII son una probocación (sic). Seguidamente los jóvenes comunistas Manuel Leyenda (a) Kidán, Manolo González, hijo de Lilía, Telmo Pais, Antonio Davila, arrojan por el balcón á la calle los dichos cuadros, salvándose de la salvajada el de D. José del Río Jorge y el del Conde de Bayona y el de su hermano. Causando muy mal efecto en el pueblo dicho acto de incultura.
Al izar la bandera el panadero Seoane (a) Fasquías la música rompió con el himno gallego.”

Non sei moi ben porque teño a sospeita de que estas notas sobre o período republicano foron escritas con posterioridade á sublevación do 36. A súa brevidade contrasta co detalle que trata logo o período que vai do comezo da guerra para adiante. Outra posibilidade sería que don Herminio refixese algunhas das notas que el titula “Efemérides bayonesas”, e outras simplemente as fixese desaparecer. O Sr. Ramos era un home moi conservador pero non un falanxista aínda que se acomodase ben ao goberno instaurado en Burgos e logo en toda España.

A verdade é que en Baiona, como nos demais lugares, a proclamación da República foi un acto de civismo exemplar. Non procuraban os “jóvenes comunistas” ofender á cidadanía de Baiona, os retratos de Del Rio, de Manuel Misa Bertemati, Marqués de Misa e Conde de Baiona, e o seu irmán Ventura continuaron no concello, como o están hoxe en día, senón subliñar a fin dunha época e o inicio dun novo tempo político. Mesmo o que se estragasen os retratos duns personaxes que representaban o réxime que remataba non debería considerarse tan éstrano e que Anido, Primo e Alfonso XIII saísen, a súa representación, polo balcón e batesen contra as lousas do chan non deixa de ter unha certa vis cómica.

Traxedia, pola contra, foi, infelizmente, a que lle aconteceu aos nomeados por Herminio Ramos. Que saibamos Joaquín Mandado, Manuel González e Telmo Pais foron detidos, encarcerados, xulgados e condenados polo novo réxime lexitimado non pola forza dos votos, senón das baionetas. Eles e non os seus retratos. O mesmo lle aconteceu a varios centos de veciños de Baiona e do Val Miñor. E boa sorte tiveron os que o puideron contar. Cando algúns deles saíron en liberdade, Hermino Ramos anota:

“1937, Abril,7. Son puestos en libertad 17 escopeteros rojos después de siete meses en la carcel de Vigo”.

Para a moitos deles o sufrimento e a persecución aínda non rematara.