Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas TRAXEDIAS QUE DEIXAN NOME - Os nomes do mar

TRAXEDIAS QUE DEIXAN NOME - Os nomes do mar

Correo-e Imprimir PDF
Por Xosé Lois Vilar Pederira - Membro do IEM
Foi o 5 de abril de 1900, xa Alfonso XIII tiña quince anos e pronto accedería ó trono de España. A súa nai, María Cristina, deixaría de ser raíña rexente.

Foi no xoves á mañán cando catro lanchas pincheiras foron largar os palangres na Banda do Sur, que é como dicir na costa de Baredo. Polo norte roncaban Os Carallóns e polo oeste oubeaba O Lobo, tanto que volveron a terra tres lanchas, só ficou no mar “La Regente” propiedade de Juan Santos, O Peito Ancho. De patrón ía SALUSTIANO DENIS CARNEIRO.

O palangreiro non volveu ó porto a pesar da mala mar, os chuvascos e o vento furacanado do oeste. Co máis vello de a bordo VICENTE ALONSO MÍGUEZ, ían  o seu fillo JOSÉ e mailo seu xenro JOSÉ MANUEL.

O veleiro non puido coa forza do vento e do mar. Ás doce aínda o viron desde A Cuncheira. O veleiro no que ía MANOLO PINTO FERNÁNDEZ que levaba oito días casado coa súa Concha. O último en ver a lancha foi José Rial, peón camiñeiro. Ollou como un home viña agarrado ó pau da vela. A lancha espartiu nas pedras da Ensenada do Baleal, outrora enxurrada de cetáceos, hoxe desfacedora de mariñeiros madeirames.

E tamén ía VALENTÍN DEL PAZO, JULIO RAMOS, MANUEL GARCÍA, DAVID VEIGA e BALBINO LÓPEZ,mozos entre dezaseis e vintecatro anos. De seguro algún aínda cobraba como rapaz un cuartón ou media parte.

O torreiro do faro de Silleiro mandou o parte a Baiona e logo acudiron ó lugar do sinistro o axudante de mariña, o alcalde, o xuíz, o médico municipal e os xefes dos carabineiros e da garda civil. Só apareceu o cadáver de MANUEL RAMOS GONZÁLEZ, de dezanove anos, irmán do cronista baionés Herminio Ramos. E apareceu na Arquiña, preto do lugar do accidente que os de Baiona chaman A Pedra Alta; na Arquiña na que antano se lle apareceu ós baredanos a Virxe da Cela que quixeron levar para Baiona e ó chegaren os bois á Fontedanta negáronse a seguir camiñando e tirando do carro e da Virxe. Quixeron levarlla para Baiona pero os animais negáronse a continuar o camiño polo que quedou na igrexa de Baredo.

Afogaron once mariñeiros de Baiona, e non foron trece porque dous non queixeron embarcar polo mal tempo que ía.
Catro carros, á tardiña, levaron os restos do naufraxio, roupa, aparellos, ... ate o Hotel da Palma. Catro carros viñeron á par do mar estalando na Bombardeira, escumando en Rapacarallos, agabeando nas encostas de Sansón, asulagando Os Tres Pasos, batendo no murallón da Enseada de Mirambell.

As situacións económicas e familiares, que xa non eran boiantes de seu, agora empeoraron moitísimo. A Dolores Alonso Míguez morreulle o pai, Vicente, un irmán, José María, e o seu home, José Manuel, con vintenove anos, cinco fillos, o máis vello de oito anos e empreñada do sexto. As poucas coberturas sociais levaron á inmediata reunión no sábado sete, a instancias do Sr. Godínez, Comandante de Mariña de Vigo, na redacción do Faro de Vigo cos directores deste mesmo xornal, de “La Concordia” e de “El Independiente”.

Un mes despois do naufraxio, o domingo sete de maio, na casa do concello repartíronse as 11.413’75 que se xuntaran das máis variadas procedencias: Antonio López de Neira, a viúva e os fillos de J. Barreras, a Deputación de Pontevedra, a comisión da Cruz vermella de Vigo, a Cámara de Comercio, a Sociedade de Maquinistas e Fogoneiros “El Vapor”, o marqués de Elduayen, o colexio “María Auxiliadora” dos Salesianos de Vigo . As maiores cantidades aportadas foron as 1000 pesetas da Deputación e as 2000 da raíña María Cristina: “La Regente”.

A comisión encargada do reparto estaba constituída por persoas de Baiona, Bouzas, Vigo e A Guarda que do xeito máis imparcial dividiron os cartos entre os familiares dos mortos, eran partes de 1.127 e de 900 pesetas a repartir entre viúvas, orfos, nais, avós e irmáns. Rematado o acto os comisionados xantaron no Hotel da Palma.

Hai 106 anos que na Banda do Sur traballan once homes menos e temos un topónimo máis: A ENSEADA DOS DO PEITO ANCHO.