Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Sueiro Iáñez de Parada

Sueiro Iáñez de Parada

Correo-e Imprimir PDF
Por Carlos Méixome - Publicado no Xornal a Peneira

O coñecemento da Galicia baixomedieval ten avanzado considerablemente nos últimos anos. Tamén o da Galicia sueva. Os diversos traballos publicados coinciden en poñer en cuestión as interpretacións que a historiografía española decimonónica popularizou durante dous séculos a través desa poderosa correa de transmisión que é o ensino primario e secundario. As novas lecturas deste longo período histórico, clave na formación do feito nacional galego, vanse abrindo camiño nos círculos especializados e cultos mais tardarán en difundirse, terán que contrapoñerse constantemente coa visión oficial e, por riba, pediránselle documentos, datos e traballos que á historiografía española nunca se lle esixiron. Vén a conto este comentario a que estes días ando dándolle voltas ao último libro de Anselmo López Carreira “O reino medieval de Galicia” (A Nosa Terra, 2005) e tamén a que, en días pasados, estivo entre nós, nas Tertulias do IEM, Camilo Nogueira. No transcurso da súa charla, o dirixente nacionalista referiuse aos diversos temas que vai desenvolver nunha publicación inmediata e tamén que nos próximos meses entregará á editora a segunda parte do seu traballo “A memoria da nación. O reino da Gallaecia” (Xerais, 2001). Os dous son libros que me permito recomendar tanto aos interesados no período histórico de referencia como a aqueles preocupados polo devir político de Galicia.

Ten tamén a súa lectura interese para recoller informacións diversas sobre os aconteceres nas nosas terras miñorás que, naquela altura, formaban parte dun extenso territorio, de lindes non moi precisos, entre o Miño e a ría de Vigo, denominado terras de Turonio ou Toronio e que, sabiamente, en Gondomar recuperaron para nomear a un dos seus Institutos.

Anotamos hoxe unha breve nota sobre un personaxe crucial durante os conflictivos anos da guerra entre Pedro I “O Cruel” e Henrique II Trastámara. Enfrontamento armado que en Galicia se prolongou durante tres decisivas décadas. Estámonos a referir a Sueiro Iáñez de Parada, señor do castelo do seu nome e das fortalezas de Romai, da vila da Guarda, da Vilavella de Redondela, de Entenza, de Bouzas, Coruxo, Bembrive e outras xurisdiccións e polo tanto un dos máis poderosos cabaleiros destas terras de Turonio. Pero é que Iáñez de Parada tivo ademais un protagonismo moi especial no ámbito político e militar peninsular. Don Pedro nomeárao Adelantado Mayor de Galicia e sempre o tivo ao seu lado, mesmo á hora da morte na tenda do mercenario bretón Bertrand du Guesclain. Estivo presente no consello de guerra de Monterrei, seica acompañaba a don Pedro cando foi asasinado o arcebispo de Compostela Gómez de Toledo, tamén cando recibiu en Baiona ao “príncipe negro”, isto é, ao “príncipe de Gales”, acompañaba ao rei cando pretendeu reunir forzas en Sevilla e foi quen trouxo a Galicia a nova do asasinato de Pedro. Derrotada a causa petrista o señor de Parada tivo que refuxiarse en Portugal e os seus bens foron confiscados e entregados ao bispo de Tui que recibe polos servizos prestados a Henrique II as “villas e cotos e bienes sobre dichos que fueron del dicho Suer Yanes”.

Preto da igrexa parroquial de Parada consérvase, en mal estado, a casa coñecida como de Sueiro Iáñez de Parada, no Monte Castelo restos da súa fortaleza, dos que sabe Xaime Garrido, mentres que o seu señorío orixinario foi vendido por Filipe II en 1593, con permiso papal, á xurisdicción de Baiona segundo consta no Privilexio Real conservado e exposto na casa do concello e do que o Padre García Oro ten realizado un detido estudo, aínda infortunadamente inédito.