As veciñas e os veciños de Gondomar convocan para o vindeiro martes 29 de xullo, ás 21 horas, no Auditorio Lois Tobío, unha asemblea aberta para a constitución dunha Plataforma que aglutinará a todos os veciños e entidades afectadas polo proxecto da COTOP: Vigo Íntegra, en Gondomar.
Nos últimos días, conforme os veciños de Gondomar ían tendo coñecemento do proxecto presentado pola COTOP, que desde o pasado día 17 de xullo está en exposición pública, as persoas afectadas viñeron participando en diferentes reunións co propósito de unir os seus esforzos na demanda común da retirada do proxecto.
Os promotores da iniciativa entenden que o Plan Íntegra considera a Gondomar e municipios lindeiros con Vigo como meros depósitos de terreo a disposición de non se sabe que necesidades, obviando as potencialidades destes propios municipios como xeradores de riqueza e como contornas de calidade de vida para os cidadáns da área metropolitana. Todo iso, cun modelo de metrópole xa anticuado que se demostrou pernicioso en moitas partes do mundo, cun custo humano e ambiental incalculable, que se despreza, e sen posibilidade de reconversión ningunha a longo prazo.
Por este motivo, o pasado 21 de xullo constituíuse unha comisión Xestora que na reunión mantida o 23 de xullo, acordou convocar a todas as veciñas e veciños de Gondomar e a todas as entidades veciñais a unha asemblea constituínte que terá lugar o martes 29, ás 21 horas, no Auditorio Lois Tobío. Esta Xestora está integrada por diversas persoas en representación de todas as parroquias afectadas: Couso, Peitieiros, Morgadáns, Chaín, Gondomar e Vilaza.
O obxectivo que a Xestora lle vai trasladar á asemblea será o de demandar a retirada do proxecto en base aos danos irreparábeis que causa en Gondomar e na calidade de vida dos seus veciños e veciñas.
Para acadar este obxectivo a Xestora propoñerá na Asemblea a realización de alegacións colectivas e individuais, e considerará outras medidas encamiñadas a solicitar a retirada do proxecto.
Esta Plataforma, de carácter veciñal, crearase coa finalidade de dar entidade xurídica a todas e todos os afectados, permitíndolles realizar o debido seguimento do proxecto e canalizar, da maneira máis efectiva, a súa demanda de retirada, e procurar o apoio de todas as forzas políticas e sociais do concello.
Vilaza tamén se mostra contraria aos trazados.
A Asociación de Veciños "O Castelo", así como as Comunidades de montes e augas de Vilaza, están facendo varias xestións desde que se aprobase en Asemblea Xeral Extraordinaria do 18/07/2008, para que a COTOP desestime os dous proxectos que consideran "esnaquizan a parroquia dentro do plan Vigo integra". Engaden que son "proxectos innecesarios".
Na última asamblea destacaron solicitar os líderes autonomicos o compromiso por escrito de retirada destas dúas aberracións, así como a axuda aos veciños para facer as alegacións, contando para iso coa axuda de arquitectos urbanistas e avogados que os asesoran.