Repousadas as melodías e as patatas fritas con ketchup (do posto de bocadillos con “pan recén feito” da área #gastro ) e mentres volvemos ver a Zoé (esta vez apenadamente non en directo, no youtube), escribimos sobre a primeira edición do Festival de Música e Ideas PortAmérica, unha conexión profesional e social daquel mundo que flota, entre o Atlántico e o Pacífico, fronte ao noso e este, que cree que resiste mellor, pero non.
O grupo mexicano, que aproveitou para comer por primeira vez marisco galego, ofreceu un concerto serio, rigoroso e intenso. Malia que a banda cantada por León Larregui ten xa 15 anos de historia, foi un descubrimento para moitos, inclusive nós. Letras empáticas escoitadas por bocas caladas agás as duns poucos incondicionais.
O cartel do festival atraeu ás masas cunha insípida e aburrida Julieta Venegas bailando ao son de pegadizas cancións e reivindicacións ao amor, con corazóns incluidos, e á anerxía positiva e cuns Vestusta Morla vetustos se os comparamos co seu público, VM pintado na cara e berrando máis ca coreando. A Pucho e aos seus faltoulles a enerxía doutras ocasións e sobroulles ideas para chamar “non á indiganación, senon á iluminación” e temas do tan manido “Un día en el mundo”, o disco anterior ao último, “Mapas”.
Tamén o concerto de Love of Lesbian, malia o furor causado entre as máis novas, non foi o das súas convocatorias en solitario. A simpatía e o feed back propio de Santi Balmes e do “cachondo” baixista JoanRa escaseou desta vez. Nin disfraces, nin chistes. Quizais porque era un corto concerto de festival e porque a presenza no escenario durante dous temas dos irmán Ferreiro, anfitrións e profundos con ironía, deixounos a eles flotando. Xa o xoves compartiran e prestáranse temas, o día no que os protagonistas foron Iván Ferreiro, coma na casa, e outro galego, de máis ao norte, Xoel López (aínda que dende que volveu das Américas con moza arxentina está a perder un pouco a identidade persoal e musical e a esencia daquelas cancións que o fixeron brillar con Deluxe e en solitario).
Os excepcionais Kitty, Daisy & Lewis e o híbrido Corizonas chamaron menos aos indies cós rockabilly. Máis orixinal a familia swing inglesa, do mellor do festival e con todo nin un Bis lles deixaron, cós segundos, que dende que se xuntaron oficialmente parindo o LP “The News Today” ( Arizona Baby e Los Coronas eran banda separadas) perderon a frescura da improvisación de “Dos bandas y un destino” e difuminaron extraña e monótonamente o surf co country. Subliñar, iso si, as versións de clásicos do rock duns músicos que, xuntos ou separados, melenudos e maqueados, non teñen pegas técnicas nin pelos na lingua para denunciar en imaxes proxectadas e en palabras e xestos a quen política e socialmente non o fixo nin o está facendo ben, dende Pinochet a Rato.
Mención á parte para Fuel Fandango, só tres sobre as tablas fixeron botar a centos de persoas no día, o sábado, que máis afluencia houbo no PortAmérica. O “rollazo” e o ben cantar de Nita e a experiencia de éxito do produtor Ale Acosta, con Carlos Sosa á batería, danlle unha linguaxe (andaluza) propia a súa música. Nótase que a voz da artista cordobesa pasou da copla e o flamenco ao soul e o funky porque salta do castelán ao inglés sen escrúpulos e sen flaquear, mezclando electrónica con flores folclóricas.
Onda Vaga, a banda independente arxentina, non estivo nada mal para comezar o último día de festi e curar a resaca da noite anterior. Uns puideron mirarlle á cara aos músicos, outros apreveitaron a sintonía para merendar, ducharse e acicalarse nun camping repleto, pegadito ao escenario (para ben e para mal) con baños e duchas fedorentas e sen sombra nuns días de sol e calor moi agardados nas Rías Baixas pero non tanto para quen desperta asfixiada nunha tenda de campaña escasa e sen porche nen corredor despois de durmir dúas horas porque os platos do último pinchadiscos non pararon de rachar.
Depedro ofreceu o seu recital entre lusco e fusco, a contraluz. Moi apropiadas as cancións de Jairo Zavala para o atardecer. As firmadas e as versións, como a da lexendaria La Llorona, das que todos gardamos a súa melodía nalgún lugar que descoñecemos.
Os Djs que pecharon ata o mencer: bailóns, descompasados e surtiditos de temas que danzamos nas discotecas dos noventa. Divertidos para tanto cansanzo festivalero e lixeiriños para desconectar de tantas letras de vida e amor.
Pois iso, un festival para repetir se obviamos a inapropiada zona de acampada, a falta de medios para a prensa, a intrasixencia dos gardaportas con copas que saen e entran do recinto e os bonitos Amaros (a moeda do PortAmérica) de plástico aínda por riba pouco prácticos. O mellor: o ambiente vitalista e praieiro, a familiaridade, atoparte aos artistas entre o público disfrutando doutros artistas cunha Estrella Galicia e as propostas artísticas e comerciais de #Mercainnova.
E menos mal que estaba o regato e o burro para invocar nun parque empresarial un marco bucólico.