Sábado, 6 Jun. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M Xavier Rodríguez "Non se pode concebir a acción social como unha cuestión de caridade"

Xavier Rodríguez "Non se pode concebir a acción social como unha cuestión de caridade"

Correo-e Imprimir PDF
Xabier Rodirguez, candidato BNG AA Nigrán

Xavier Rodríguez, candidato do BNG – Asembleas Abertas á Alcaldía do Concello de Nigrán.
Durante este último mandato exerceu como portavoz municipal do BNG na corporación municipal logo de que a que fora candidata nas últimas elecicóns municipais, Cristina Fernández deixase vacante o cargo.

"Preséntome a estas eleccións convencido da necesidade de que esa voz siga estando presente e aínda reforzada, se queremos que a nosa cultura, o noso territorio e incluso a nosa xente, se sitúe no centro do debate político. Depende de Nós"

Economía

Nigrán, xunto aos concellos do Val Miñor atópanse na cola de concellos de Galicia con menos inversión por habitante, nunha media de 25€/habitante pese ao elevado orzamento municipal que manexa e as contínuas subas de impostos . Que opinión lle merece a actual política de gastos e ingresos do Concello de Nigrán?

Nigrán fixo un importante esforzo estes últimos 8 anos para tratar de conxugar a caótica situación económica que nos deixou o goberno de coalición PP-PIN, cunha débeda absolutamente insostible.

Grazas ao Plan de Saneamento aprobado polo goberno PSOE-BNG, déuselle a volta a esta situación crítica, saneamento continuado polo actual goberno, pero a costa de non realizar practicamente inversións.

Nós pensamos que unha vez estabilizadas as contas municipais, toca ir aumentando progresivamente a inversión e, para iso, é necesario manter unha axeitada estrutura fiscal, na que se teña en conta a capacidade económica á hora de repartir a carga fiscal, aínda que sexa a través de indicadores indirectos da mesma.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Nigrán. Ao seu criterio qué sectores deben impulsar Nigrán como concello?

Nigrán é un concello de interese turístico e, como tal, debe apoiar ao sector, pero cremos que debe facelo desde unha perspectiva transversal que favoreza as condicións para o seu desenvolvemento e, non tanto, desde accións puntuais e illadas.

Por exemplo, unha programación cultural e deportiva estable e de interese ao longo de todo o ano, contribúe á desestacionalización. O coidado e protección do medio, en vez da súa destrución, axuda a facer Nigrán mais atractivo. Mesmo incluso o apoio ao mantemento de actividades tradicionais como a pesca, ten efectos positivos sobre o turismo.

Por outra banda, hai que recoñecer que a desaforada actividade construtiva que sufrimos en épocas pasadas, nin debe, nin vai volver, pero si deberiamos reconverter unha parte do moito emprego perdido no sector, ao ámbito da rehabilitación urbana e residencial, que ao mesmo tempo repercutiría nun concello mais atraente.

Finalmente debemos aproveitar que temos un polígono industrial dun millón de metros cadrados, para que serva para reordenar e potenciar a industria local, e non limitarnos a soportar só os seus prexuízos sen desfrutar, apenas, das vantaxes da súa existencia.


A Mancomunidade do Val Miñor – Como valora os acordos/actividade deste ente supramunicipal? Cales son as súas propostas para os próximos 4 anos?

A Mancomunidade do Val Miñor é un organismo claramente infrautilizado. Desde o BNG-Asembleas Abertas avogamos pola súa potenciación. É por iso que levamos nos tres concellos o mesmo programa respecto á Mancomunidade, que se plasma no reforzamento da cooperación intermunicipal fomentando unha maior e mais efectiva actividade do organismo.

Para poder acadalo apostamos de xeito claro por incrementar a capacidade orzamentaria e os servizos que presta a Mancomunidade e conseguir facer dela unha administración útil.  

Emprego

Que opina das políticas de emprego desenvolvidas no concello? Que iniciativas pode esperar a cidadanía nesta materia de vostede acadase a alcaldía?

O fracaso do Partido Popular neste campo é evidente. Tras gastar mais de 120.000 euros en políticas de emprego, non só non conseguiu reducilo, senón que agora hai arredor de 300 parados mais no noso concello. Isto ten que ver coa efectividade do gasto realizado, que se amosou claramente improdutivo.

Crear becas ou facer cursos de formación sen ton nin son, só supón xustificar o emprego dun diñeiro sen avaliar a incidencia real que poida ter na loita contra o desemprego.

Nós cremos mais no apoio aos nosos sectores produtivos para axudarlles a que se dean as condicións para que poidan xerar emprego. Ao mesmo tempo defendemos que o Concello pode e debe xerar emprego local coas súas actividades e as súas contratacións.

Podería adiantar algunha proposta concreta do seu partido cara á dinamización da economía local de Nigrán? Ao seu criterio que sectores deben recibir o empuxe do goberno local?

Procuraremos que as políticas, as actividades e os investimentos que realice o Concello supoñan ofertas de traballo e actividade para a cidadanía en xeral e para os habitantes e empresas locais en particular. Apoiaremos aqueles sectores produtivos mais vulnerables ou que se atopen en especiais dificultades como pode ser o pouco que nos queda do sector pesqueiro, así como a reconversión cara a novos nichos de actividade de sectores drasticamente afectados polo paro como o da construción.

Cal é a súa visión das políticas cara á xuventude adoitadas nos últimos catro anos? Que iniciativas presentará para mellorar a calidade de vida da mocidade de Nigrán?

Nós entendemos que non houbo políticas específicas para a xuventude nestes catro anos, ao marxe de algunha acción formativa puntual. Para cambiar isto pretendemos empezar por darlle voz ás mozas e mozos, creando un Consello municipal da mocidade de tal xeito que eles mesmos poidan ser partícipes do deseño das políticas e accións que realmente mais necesiten.

Ao mesmo tempo canalizaremos a través da oficina de información xuvenil a divulgación e posta á disposición de cantos recursos sexan do seu interese.  

Servicios sociais

Qué valoración fai das políticas sociais e de axuda á dependencia / emerxencia social dende o concello? Cales son as medidas concretas que propón o seu partido?

O Partido Popular concibe a acción social como unha cuestión de caridade, deixando así unha boa parte da mesma ao voluntarismo de colectivos como o banco de alimentos ou o roupeiro municipal.

Nós entendemos as políticas sociais como unha cuestión de solidariedade, polo tanto non suxeita ao voluntarismo senón obrigatoria. Non debe ser un favor senón un dereito. Por iso debemos defender aos concellos do ataque centralista que pretende retirar competencias municipais en materia social.

Prestaremos o máximo apoio posible á resolución das situacións concretas e reforzaremos os servizos sociais municipais. Cooperaremos coas entidades e colectivos de discapacitados para favorecer as súas actividades e potenciaremos, en xeral, iniciativas de intervención cidadá como voluntariado, entendéndoo como un complemento ás obrigas do Concello.

 

Corrupción – transparencia - participación

Qué medidas concretas adoitará o seu partido de cara a erradicar a lacra da corrupción ou o clientelismo no eido local?

A corrupción no eido local se da fundamentalmente en dúas actividades, urbanismo e contratación. Fomentando a transparencia e a participación en ambas, dificúltase enormemente a posibilidade de comportamentos corruptos.

Abriremos o Plan Xeral á cidadanía e introduciremos nas mesas de contratación representantes da oposición.

Non obstante sabemos que o fundamental para evitar a corrupción é contar con dirixentes honrados, que veñan á política con vocación de servizo público e non para mellorar unha situación persoal.


Que cambios considera urxentes en materia de transparencia, xa sexa no acceso á información como na contratación de empresas e persoal para servizos municipais?

É fundamental a participación e información nos procesos de contratación, polo que propomos a integración da oposición nas mesas de contratación, así como a súa divulgación na sede electrónica do concello, que necesita, sen dúbida, unha gran potenciación. Por outra banda resulta imprescindible reducir, cada vez mais, a contratación directa e substituíla por procedementos abertos.

Os plenos municipais/ supramunicipais dos últimos catro anos non teñen sido un exemplo de democracia participativa. Que medidas propoñen de cara á facilitar a participación da vecindade e dos colectivos no impulso de iniciativas populares?

Debemos partir da base de que os Plenos non son o centro da vida pública. Son reunións moi importantes nas que se debaten os asuntos, pero non se debería concentrar nin esgotar neles a participación cidadá. Antes ben, consideramos que no seo dos Consellos Sectoriais, danse as mellores circunstancias para unha previa e mais activa participación dos veciños nos asuntos públicos. De todos os xeitos compre tamén mellorar a divulgación das sesións plenarias, utilizando as posibilidades que os medios dixitais nos dan.

Urbanismo 

Ao seu criterio, cales son os principais problemas polos que xenera tanto rexeitamento o PXOM de Nigrán? Que camiño propón para superar eses atrancos?

Tradicionalmente os Plans Xerais xeran un gran rexeitamento por dous aspectos fundamentais ao meu modo de ver: a falta de transparencia e as expectativas infundadas creadas.

Para superalo hai que devolver o PXOM ao terreo do que nunca debeu ter saído, o da participación veciñal, concretada neste eido no Consello Sectorial de Urbanismo, que non foi convocado nin unha soa vez neste mandato.

Respecto a falsas expectativas creadas, compre unha labor moi importante de información sobre a normativa urbanística e do solo e, por suposto, que non haxa agravios comparativos.

En materia de mobilidade e transporte, cales son os principais desafíos que debe asumir o próximo goberno municipal? Que papel debe xogar o futuro goberno de Nigrán para acadar un transporte público adecuado en materia de servizo e custe entre as parroquias?

O próximo goberno municipal deberá favorecer a accesibilidade e a mobilidade promovendo ancheamentos de vías públicas alí onde sexa conveniente, con criterio de interese público e contando coa veciñanza. Igualmente debe ser prioritaria a accesibilidade e seguridade das persoas en accesos a centros públicos (centros educativos, centros de saúde, biblioteca, etc.)

Por outra banda, cremos que a Mancomunidade do Val Miñor debe liderar, no seo do Plan de Transporte Metropolitano, unha reordenación de liñas, frecuencias e horarios entre as empresas que prestan o servizo, para adecuar este ás verdadeiras necesidades de comunicación do Val, e deste con Vigo e a Universidade.

A autoestrada do Val Miñor atópase nestes momentos infrautilizada segúndo os estudos de mobilidade e tráfico que manexa a Xunta de Galicia? Serve esta infraestructura como método útil de interconexión entre os concellos do Val Miñor? Cómo se pode sacar maior proveito para a vecindade local?

Resulta fundamental igualmente para acadar unha mellora na mobilidade da comarca reivindicar a gratuidade da autoestrada do Val Miñor, como forma de contribuír a desconxestionar as vías secundarias e mellorar a accesibilidade ao noso territorio.

O peaxe fai que esta vía estea claramente desaproveitada, cando podería constituír un eixo de conexión rápida entre os concellos do Val e a área de Vigo e os seus enlaces ás vías de alta capacidade.

Medioambiente

A Foz do Miñor, un espazo en Rede Natura machacado pola contaminación? Cales son as súas propostas para restaurar a degradación deste espazo de alto valor ecolóxico?

Consideramos que a Foz do Miñor, como espazo de alto interese medioambiental compartido, debería ser obxecto de conservación e explotación por parte da Mancomunidade do Val Miñor, promovendo incluso a súa ampliación, e desenvolvendo nel actividades de divulgación e investigación para toda a comarca.

Que outras medidas de recuperación ou melloras ambientais plantexades dende a vosa candidatura?

Cremos tamén que tanto desde o concello como desde a Mancomunidade, se deben promover convenios coas comunidades de montes para o fomento do uso múltiple dos espazos forestais, especialmente naqueles de alto interese paisaxístico ou natural como poden ser Monteferro ou Monte Castelo.

Do mesmo xeito defenderemos sempre as máximas figuras de protección medioambiental posibles para os nosos espazos naturais.

Ademais dos temas consultados, que propostas entende urxente encaminar cara ó mandato 2015 – 2019?

Desde o BNG-Asembleas Abertas consideramos tamén de vital importancia a defensa da nosa cultura e lingua, para o que xulgamos imprescindible unha programación estable e diversa, e a posta en marcha no Concello dun Servizo de Normalización Lingüística que nos equipare a municipios dunha dimensión semellante ao noso e remate co tradicional desprezo deste concello a nosa lingua.

Tamén consideramos prioritario cooperar cos axentes culturais e deportivos do municipio, para o fomento da actividade cultural e a práctica deportiva de base e popular, así como o apoio ao deporte veterano.