
O candidato popular Fernando Guitián mantén a súa intensa axenda de traballo de cara ás eleccións municipais a pesar do cisma polo que atravesa o seu partido. Baixo a premisa de que no PP segue todo igual, xuntouse a tarde do mércores 13 de abril cunha ducia dos dirixentes e militantes que decidiron permanecer no partido e arroupar ao candidato a alcalde designado por Rafael Louzán. Segundo o manifestado polo candidato a Valminor.info, a reunión tiña por obxectivo continuar os traballos na confección da lista de candidatos, a que non estaría aínda pechada. A pesar da insistencia os populares non deron a coñecer nomes. Con respecto a situación da escisión do grupo municipal e boa parte da Xestora Local, Guitián mantivo un prudente silencio ante a falla dunha comunicación oficial tanto do partido como dos implicados. Pola súa banda, a aínda portavoz municipal do PP Natalia Salgueiro, traballaba noutro local da vila na preparación da súa candidatura polo partido Centro Democrático Liberal. E a vez que aseguraba que a Guitián non ten que comunicarlle nada, sinalaba que os dirixentes provincias do PP xa están informados da situación.