Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Oposición e sindicato rexeitaron o afastamento das técnicas municipais durante o pleno de Gondomar.

Oposición e sindicato rexeitaron o afastamento das técnicas municipais durante o pleno de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Os funcionarios do Concello de Gondomar recibiron aos concelleiros con carteis solidarizándose coas técnicas municipais.
funcionarios_espaldas
natalia_nacho_carteis
mesa-persoal
  • Anterior
  • 1 of 4
  • Seguinte

De cotío os 12 concelleiros do goberno municipal  son recibidos a berros de ¡Ilegales! polos membros da Plataforma Moción=Corrupción. Unha teima que reitérase cada mañá as portas do Auditorio Lois Tobío os día do pleno da corporación. Mais este xoves 31 de marzo, os berros cederon ante a presenza silenciosa dos carteis sostidos ao pé do escenario polos funcionarios do Concello de Gondomar. Neles solidarizábanse coas técnicas municipais "castigadas" pola administración e reclamaban xustiza pra elas. O movemento comezou cedo, antes das 9 horas ás arredores do auditorio. A totalidade do Comité de Persoal achegouse á Nuria Lobato , Secretaria Municipal, co obxectivo de arrouparlla na primeira sesión plenaria logo da decisión municipal de afastarlla xunto á Técnica de Administración Xeral, Elena Ares Salgado, das súas funcións urbanísticas. Durante o desenvolvemento da sesión as permanentes alusións á devandita medida e o seu rexeitamento por parte dos concelleiros da oposición, recibiron os aplausos de aprobación por parte dos funcionarios presentes e tamén dos membros da Plataforma. Claro que estes logo de aplaudir os ditos do BNG,  dirixían o súa mensaxe de sempre ao goberno:  ¡ilegales!

 

O pleno deste xoves non cambiou a situación das técnicas municipais. De feito cando no espazo de Rogos e preguntas o concelleiro Pauliño del Río (BNG) inquiriu ao alcalde Martín Urgal sobre esa decisión e as súas consecuencias, o rexedor eludiu responder nese intre e acolleuse a seu dereito de facelo por escrito. Na súa  intervención o concelleiro nacionalista preguntaba a Urgal e mais o concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis se eles ían asinar as licenzas urbanísticas neste marco de incerteza xurídica e se asumían responsabilidade persoal por iso.

Á separación das técnicas das súas funcións de asesoras xurídicas en materia de urbanismo se suma dende o venres pasado unha amoestación e prohibición á Secretaria Municipal de realizar "apostillas" nos documentos urbanísticos da corporación. "Apostillas" que non son outra cousa que a constancia legal que debe recibir a persoa ou empresa que solicita un permiso municipal para decatarse dos fundamentos da resolución que se lle entrega. Nela consta un resumo dos departamentos e funcionarios que informaron ao respecto e as salvidades  e reparos que puideron ser emitidas por algún dos organismos. Unha información fundamental  para que o usuario poida avaliar con maior certeza o alcance e validez do documento que recibe da administración.

Tamén durante a sesión falouse da contratación por seis meses dos servizos do avogado José Martínez Torea. Unha contratación externa con informe negativo da Interventora e cun custe de 17.500 euros ao Concello.  A decisión foi criticada no pleno polo concelleiro Antón Araúxo (BNG) como un intento "de baleirar de contido á corporación". "Que pintamos nos aquí?" preguntou Araúxo nun intre da súa intervención. A pregunta do ex rexedor facía alusión á ausencia de control legal por parte dos funcionarios de carreira que agora padece Gondomar.

Alzados polos traballadores e logo esparexidos polo chan os carteis reivindicativos do Comité de Persoal  berraban:  "Non máis inxurias nin calumnias aos funcionarios", "A Secretaria e a Técnica son exemplo de integridade e profesionalidade" , "Solidariedade coa Secretaria e a Técnica de Urbanismo (Nuria/Elena)", "O Goberno non pode derivar as súas responsabilidades cara os traballadores", "Esiximos devolución das funcións urbanísticas ás Técnicas" e un desafiante "Os traballadores deste Concello apostillarán o que faga falta na súa laboura".