Con motivo da celebración do 23 de abril, Día do Libro, entre o luns 26 e o sábado 30 de abril de 2011, Espazo Lectura en colaboración co Concello de Gondomar, organiza a Semana do Libro e a Lectura cunha programación de actividades para todos os días. O acto central será o venres 29 de abril, cando terá lugar o IV Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta para celebrar o Día do Libro, na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras que queren compartir cos demais e recomendar. Será na xamonería Catro Camiños de Gondomar entre as 19.30 e as 22.00h.
Gondomar
Gondomar celebra a Semana do Libro e a Lectura
Os socialistas de Gondomar presentaron a súa candidatura no Lois Tobío cunha estrea audiovisual.

A presentación socialista do sábado pasado en Gondomar tivo unha nota diferente, ademais dos tradicionais discursos de inicio de campaña, fíxose a estrea oficial da curtametraxe “Demoslle xuntos a volta!!!”, na que o candidato a alcalde Francisco Ferreira participa como actor e guionista da mesma.
A Xunta cuestiona duramente a redacción do PXOM de Gondomar
A Xunta de Galicia remitiu ao Concello de Gondomar un informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), no que practicamente non deixa recuncho do proxecto sen orde de modificar. O escrito sinala erros de fondo como a ausencia de solucións ao problema viario do concello e a falla de previsión en materia de servizos urbanísticos que acompañe as estimacións de crecemento. Cuestiona ás estimacións xerais de crecemento de habitantes e vivendas, ás que entende están sobre valoradas por enriba do 45% dos datos do IGE. Entende que están mal delimitados unha importante cantidade de núcleos rurais tradicionais, así como a clasificación de solo urbano, urbano non consolidado, rústicos, urbanizable e as súas delimitacións. Tamén foi obxectada a documentación presentada, como a falla de claridade nos planos, erros na codificación e ata unha advertencia que di “Non deberá corrixirse o documento do PXOM con notas feitas á man”. A oposición nacionalista cualificou como moi graves as consecuencias do informe e manifestou a través do concelleiro Xosé Antón Araúxo que “Senón fose porque este goberno xa está amortizado e fóra de circulación, era para pedir a dimisión de todos eles, dende o Alcalde-ausente, ata o concelleiro de urbanismo .“
O Partido Popular de Gondomar presenta a súa lista de cara ás eleccións municipais de maio.

Fernando Guitián siéntese satisfeito e ten a certeza que conseguiu formar “o mellor equipo” de cara ás eleccións. Unha lista de 25 candidatos aos que definiu como unha “mestura perfecta entre xuventude e experiencia”, un conxunto de “grandes profesionais” que darán o mellor de “si para asegurar unha gran xestión do Concello”. Con respecto a súa candidatura como alcalde, Guitián manifestou que séntese arroupado non so por este equipo, se non tamén por unha gran cantidade de persoas que forman o PP e que estarán traballando por tódalas parroquias, “transmitindo a ilusión e a confianza” para que a xente decida o seu voto polo Partido Popular.
O Bingo de Gondomar celebrarase normalmente pero non poderá entregar os premios “Bolas de Ouro”
A Coordinadora de Festas “Agora Ondeimos” non poderá entregar os premios “Bolas de Ouro” cos que pensaba distinguir ás autoridades da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Gondomar, polo seu apoio á causa dos chamados “bingos sociales”. A Xunta Electoral Local, a denuncia de parte do BNG, entendeu que tratábase dun acto violatorio da actual normativa electoral, pois os únicos homenaxeados eran membros do Partido Popular. Sen embargo, a autoridade electoral non ordenará suspender a denominada “fiesta de Bingos Sociales” que estaba prevista para mañá domingo ás 17 horas na Alameda de San Bieto en Gondomar, por tratarse dunha actividade privada.
Gondomarízate: Presentación da candidatura de Francisco "Paco" Ferreira polo PSOE Gondomar

Nace o CDL - Gondomar con 22 membros da xestora local e máis a maioría do grupo municipal do PP.

Mirar a fotografía que acompaña este artigo pode chamar a confusión. A presenza de recoñecidos militantes e concelleiros populares pode inducir a pensar que trátase dunha nova do partido que lideran Alberto Núñez Feijoo e Rafael Louzán. Non é así. Trátase da confirmación dun feito que levaba meses sendo un secreto a voces: hai un cisma no Partido Popular de Gondomar. Hoxe pola mañá 22 membros da xestora local dos populares de Gondomar presentaron a súa renuncia indeclinable ao PP en Pontevedra. Unhas horas despois anunciaban no Centro Neural o nacemento oficial do partido Centro Democrático Liberal de Gondomar. Nunha carreira contra reloxo a nova agrupación nomeará unha xunta xestora para despois dar oficialmente a lista de candidatos a concelleiros a que ten como única postulante a alcaldesa á portavoz do PP Natalia Salgueiro.
Os socialistas das Rías Baixas xuntáronse en Gondomar para traballar a prol da defensa da Serra do Galiñeiro.

A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista, Sonia Verdes, mantivo hoxe un encontro de traballo cos candidatos socialistas de Gondomar, Juan Francisco Ferreira e de Porriño, Ivan Vaqueiro, e tamén cos candidatos das Entidades Locais Menores de Chenlo, Morgadans, Bembibre e Tui para analizar a concesión da instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro. Nesa xuntanza os socialistas acusaron ao goberno de Feijoo de permitir instalar unha empresa éolica no monte veciñal sen escoitar os intereses dos veciños de Gondomar, Vigo e Porriño. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes afirmou que "o Goberno de Feijoo demostra que antepón unha vez mais un modelo puramente económicista que defende o PP, por enriba do interese social e cultural do monte neste caso o monte veciñal de Vincios". Pola súa banda o candidato anfitrión Francisco Ferreira acusou ao goberno tripartito de Gondomar de non enviar na actual redacción do PXOM que ten a estudo a Xunta de Galicia, as figuras de protección ao monte anunciadas no pleno monográfico de xaneiro. Ferreira desafiou "ao goberno abstracto de Gondomar, que non se sabe a que partido responde agora", a que de unha posición clara e firma sobre si está a prol ou en contra do reclamo dos veciños de Vincios.
Os escindidos do PP Gondomar manteñen oficialmente unha dobre militancia. Bargiela baixa os seus blogs.
Gondomar sigue a vivir unha situación política paradoxal. A non oficialización do cisma no PP local fixo que durante este martes 12 e o mércores 13 de abril, a concelleira de goberno Natalia Salgueiro fora ao mesmo tempo a portavoz do PP no Concello á vez que candidata a alcaldesa no mesmo municipio pero polo partido Centro Democrático Liberal (CDL). E se de paradoxos se trata, débese agregar que durante esas xornadas o presidente da Xestora do PP Gondomar, Eladio Bargiela traballou na confección dunha lista para CDL co obxectivo de gañarlle votos ao partido que oficialmente preside. Por si todo isto necesitaba un punto máis de confusión, para o candidato Fernando Guitián oficialmente e de momento para o PP non cambiou nada e polo tanto Salgueiro e Bargiela mantén os seus cargos .
JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL