A xustiza segue acumulando informes relativos á operación Patos co obxectivo de desentrañar a presunta trama corrupta entre políticos e empresarios que entre outras administracións provocou unha requisa de documentación no Concello de Nigrán e a detención de José Álvarez, ex concelleiro de Vías e Obras do actual goberno municipal do Partido Popular
A policía xudicial especializada en delitos económicos achegou un voluminoso informe de máis de 500 páxinas que foron analizados xunto coa maxistrada de instrución do xulgado Nº7 de Vigo e mais o fiscal especial que atende o caso, segundo revelou nesta xornada La Voz de Galicia.
Tamén serían depositadas tres caixas con documentación incautado no rexistro do Concello de Vigo en xaneiro pasado, segundo a mesma fonte.
A operación Patos centrada nun suposto caso de tráfico de influencias para a adxudicación de contratos coas administracións públicas que involucra inicialmente a directivos das empresas de obra pública como Cespa e Eiriña, e até o de agora provocou investigacións a altos cargos da Xunta, a Deputación de Pontevedra, a Autoridade Portuaria e Zona Franca .
Nesta investigación foron rexistrados pola policía e incautada documentación para a investigación nos concellos de Nigrán, Vigo, Ponteareas, Pontevedra, Ourense e Santiago.
De momento o único político detido nesta causa foi o ex concelleiro José Álvarez do PPde Nigrán. Canda el , directivos das empresas involucradas. A investigación continúa segundo varias fontes, na procura de delimitar coa maior exactitude posible as persoas e empresa involucradas para logo si, proceder a novas imputacións se dera a lugar. A investigación da Operación Patos mantense baixo segredo de sumario e a xustiza continúa analizando toda a documentación posta a súa disposición co xeito de preparar a fase de toma de declaracións.
O empresario da empresa 5 Jotas que prometeu "tirar da manta"
O empresario Juan Manuel Costas, principal imputado da operación “5 Jotas” e involucrado na operación “Patos”, aseguraba nunha entrevista que o ex edil de Vías e Obras, José Álvarez foi o “cabeza de turco” escollido pola trama, pese a estar presuntamente implicado na adxudicación irregular de obras e o cobro de “comisións” en Nigrán. Segundo o empresario a trama de corrupción salpica tanto a PP como a PSOE en distintas administracións locais, Deputación e Xunta de Galicia.
Nunha entrevista no programa Via Debate, Costas afirmou estar disposto a “tirar de la manta” e contar con probas e documentación que implican a bancos, políticos, empresarios e técnicos nesta trama de corrupción que abranguen entre outras administracións públicas, ao Concello de Nigrán.
Â