Sábado, 29 Feb. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Ingresan seis novos efectivos de emerxencia na comarca do Val Miñor

Ingresan seis novos efectivos de emerxencia na comarca do Val Miñor

Correo-e Imprimir PDF
Los-alcaldes-de-la-Mancomun


-A Mancomunidade anuncia que poderán aumentar ata 12 efectivos grazas ao convenio GES con vixencia até 2015. Baiona, Gondomar e Nigrán esperan a súa inclusión no Consorcio Provincial de Bombeiros.

-O sindicato de bombeiros denuncia os convenios GES e ós Consorcios Provinciais de Emerxencia por graves fallas funcionais, e por estar máis inspirados nos recortes ca efectividade do servizo.

A Mancomunidade únese á política de  emerxencias da Xunta e a Deputación.

A Mancomunidade do Val Miñor conta desde o día de onte con seis novos efectivos de emerxencias na comarca, por mor da adhesión ao convenio GES (Grupo de Emerxencia Supramunicipais) da Xunta de Galicia. “A suscrición a este convenio permitiu duplicar os efectivos de emerxencias no Val Miñor até o ano 2015”, sinala o presidente da Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.

A incorporación da Mancomunidade do Val Miñor no convenio GES permitirá ampliar o persoal dos servizos de emerxencias, prevención e defensa contra incendios forestais mancomunados até doce persoas, sinalan dende a administración.

 Os tres alcaldes da mancomunidade entenden a adhesión a este convenio importante e necesaria, pero non suficiente para dar unha solución definitiva aos servizos de emerxencias do Val Miñor. “O goberno mancomunado seguirá traballando para mellorar o servizo de emerxencias da comarca, dándolle maior calidade e estabilidade”, aseveran. 

Neste sentido, os alcaldes lembran que foi presentada ante a Deputación de Pontevedra unha solicitude que permita a inclusión dos concellos mancomunados de Baiona, Gondomar e Nigrán  no Consorcio Provincial de Bombeiros.

O consorcio provincial foi privatizado pola Deputación, que pagará uns 21 millóns de euros en oito anos. A beneficiaria é a firma Matinsa, que ingresará 220.000 euros mensuais por manter as diversas bases.

O sindicato de bombeiros cuestiona o lei de emerxencias que sustenta os GES e consorcios provinciais.

CCOO critica que a Lei de emerxencias que sustenta o convenio GES e os Consorcios Provinciais de Bombeiros, aprobada polo PP. Segundo recolle o xornal  Galicia Confidencial, os traballadores sinalan que a lei se guía unicamente por criterios económicos, xa que “unha lei sen contidos nin regulación é moi barata”. Entenden que a mesma  permite á Xunta “improvisar ao seu antollo”, como no caso dos Grupos de Intervención Supramunicipais (GES), que se corresponden aos antigos GRUMIR, só que co número de efectivos reducido a menos da metade.

 En opinión do sindicato, outro  “disparate” foi a privatización dos servizos provinciais de emerxencias creando os Consorcios Provinciais de Emerxencias, xestionados por empresas privadas, con persoal escaso, mal remunerado, sen dereitos e sen formación específica e continua, alén da inicial. Este persoal laboral carece da consideración de autoridade —atributo exclusivo do persoal funcionario—, motivo polo que ante unha emerxencia non pode actuar libremente. «É unha cuestión de importancia vital, perfectamente coñecida polos lexisladores e conscientemente ignorada», censura CCOO, que tamén critica que un dispositivo «fundamental» como 112 pasara a ser xestionado por mans privadas.

 Ao tempo, Galicia conta con sete parques municipais de bombeiros. Son  os máis antigos e están mellor dotados que os dos consorcios; ademais, contan con persoal funcionario —autoridade— cuxas intervencións ampara a lei ante calquera situación de emerxencia. Porén, a Xunta “non quere nin escoitar falar deles, xa que, supostamente, son caros”. Tampouco entran dentro da comarcalización, polo que se dan paradoxos como que case a diario pasan os bombeiros dun parque privado da Coruña por diante do municipal, camiño dunha intervención que podería acometer o persoal público.

 Así as cousas, as emerxencias en Galicia “seguen a esperar por unha regulación que garanta unha xestión profesional e de calidade, cuns recursos humanos suficientes, preparados e profesionalizados”, critica CCOO.