Nesta xornada do martes 18 de outubro, os catro traballadores solicitaron cita ao alcalde baionés e presidente de quenda da Mancomunidade do Val Miñor, Jesús Vázquez Almuíña. En principio serán recibidos mañá mércores sobre o mediodía. A posición dos catro operarios é firme, "que os responsables da Mancomunidade decidan se prefiren mellorar o servizo coa reincorporación ou deixarllo na actual situación e que por riba os veciños teñan que pagar". A readmisión deste grupo de traballadores permitiría que o actual Servizo de Emerxencias Val Miñor (ex GRUMIR), dispoña de 2 operarios por garda e non 1 como ata de agora. Na actualidade un deles está a cumprir unha suplencia por unha baixa laboral no servizo.
Estes catro ex membros do GRUMIR negáronse en abril a acordar coa Mancomunidade o despedimento. Daquela, quedaron en minoría ante o resto dos funcionarios involucrados que preferiron asinar unha liquidación que contaba co visto e prace dos asesores sindicais, segundo informouse naquel momento. Dende o peche do GRUMIR, o servizo de emerxencias da bisbarra quedou a cargo de tres operarios asistidos por voluntarios de Protección Civil.