Martes, 16 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Fracasou o primeiro acto de acordo xudicial entre os traballadores do GRUMIR e a Mancomunidade.

Fracasou o primeiro acto de acordo xudicial entre os traballadores do GRUMIR e a Mancomunidade.

Correo-e Imprimir PDF

A representación legal da Mancomunidade do Val Miñor decidiu non asinar hoxe as indemnizacións aos traballadores do GRUMIR dispostos a renunciar aos contratos de permanencia na entidade, pola decisión de catro deles de manterse por fora do acordo chegado nese senso entre a representación sindical e a administración. A pesar da presión recibida polos traballadores que querían acollerse ao acordo e a representación da Mancomunidade que ameazaba con finalmente ir a xuízo e rematar cunha indemnización menor, aos dous traballadores que en principio anunciaron a súa oposición, sumáronse dous máis có cal, a Mancomunidade entendeu que o acordo co sindicato estaba roto. No correr desta xornada os traballadores manterán unha reunión para fixar posición e está fixada unha nova reunión de conciliación para mañá no Xulgado de Vigo.

Hoxe pola mañá reuníanse no Xulgado de Vigo a representación legal da Mancomunidade cos 12 traballadores do GRUMIR beneficiarios dunha sentencia xudicial que obriga á administración sumpramunicipal a contratalos de forma permanente. O obxectivo da xuntanza era chegar a un acto de conciliación entre as partes. Segundo fontes dos traballadores, o sindicato aceptara a proposta da Mancomunidade de coller aos tres máis antigos para xunto cos tres permanentes do actual servizo GRUMIR formar unha unidade de emerxencia ata a instalación definitiva dun parque de Bombeiros no Val Miñor. O resto dos traballadores sería indemnizado coa maior das ofertas posibles: 45 días por ano traballado e o recoñecemento das funcións ata a data de sinatura. En principio só dous dos doce traballadores afectados mantiñan unha posición contraria a firma do acordo e todo estaba pronto para a sinatura do mesmo.

Pero todo cambiou cando outros dous traballadores a último memento decidiron unirse ao rexeitamento do acordo. A pesar de que 8 traballadores mantiñan a decisión de firmarllo, a representación legal da Mancomunidade fixo unha consulta telefónica na que derivou a decisión de non pechar o acordo se non firmaba a totalidade dos funcionarios. Segundo fontes dos traballadores, recibiron a ameaza de levar todo a outro xuízo onde o despido sería sobre novas bases e moi inferior ao acordado.

A pesar das presións recibidas, os catro traballadores mantivéronse firmes na decisión de non renunciar a seu posto de traballo, medida que eles entenden reforzada pola intención da administración de dividir aos traballadores. De feito o grupo que si quería asinar o acordo e ata a propia representación sindical premeron a prol do acordo. Sen embargo, os catro traballadores, asesorados cun xurista propio, mantivéronse na súa decisión.

No correr desta tarde esperábase unha reunión entre os 12 traballadores e a representación sindical na busca dunha posición conxunta para levar na xornada de conciliación prevista para mañá.