Luns, 24 Feb. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Baiona O futuro do GRUMIR debaterase esta semana no pleno de Baiona e no Parlamento Galego.

O futuro do GRUMIR debaterase esta semana no pleno de Baiona e no Parlamento Galego.

Correo-e Imprimir PDF
O Val Miñor está desprotexido ante a ausencia do servizo do GRUMIR.

O pleno municipal de Baiona debaterá o próximo xoves unha moción de acordo na que se solicita á Xunta de Galicia e a Deputación Provincial unha axuda económica para "garantir a prestación do servizo de emerxencias mentres non se dote ao Val Miñor dun parque de bombeiros". O documento da proposta ao que tivo acceso Valminor.info, reclama tamén ás mesmas administracións "a realización, de forma urxente, dos trámites necesarios para dotar ó Val Miñor dun parque de Bombeiros en aras de garantir a presentación do servizo de prevención e extinción de incendios." A proposta chega consensuada polos catro grupos municipais con representación no pleno a iniciativa do concelleiro Xosé Enrique Fernández do BNG.

Segundo da conta o documento que fundamenta a moción, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería da Presidencia da Xunta, "asumiu o compromiso de posta en marcha dun parque de bombeiros na nosa comarca e que beneficiaria os concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia." A mesma debería asumir os servizos que ata de agora garantía para a Mancomunidade do Val Miñor o Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR).

Tamén no Parlamento Galego o grupo nacionalista presentou á Mesa do Parlamento unha Proposición non de lei na que insta ao goberno autonómico para que desenvolva de xeito inmediato os mecanismo necesarios para dotar dun servizo de emerxencia á bisbarra miñorana, das mesmas características do GRUMIR. A proposta tamén urxe á administración de Núñez Feijóo a garantir o carácter público e profesional do mesmo.

O reclamo pola profesionalidade do servizo foi incluída en resposta ao trascendido da intención da Mancomunidade de substituír o actual persoal do GRUMIR por outro servizo similar onde máis do 50 % dos postos estaría cubertos por voluntarios. O GRUMIR Val Minor funcionaba con tres operarios contratados todo o ano e quince máis que tiñan un contrato temporal de nove meses. Produto dunha sentenza laboral que recoñece a condición destes traballadores como persoal laboral indefinido, o presidente de dita Mancomunidade e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, decidiu que ten un custe económico inasumible para os concellos da Mancomunidade, adoptando a decisión de non acudir a liña de axudas que promove o goberno galego.

Os últimos incidentes como o incendio dunha vivenda unifamiliar acontecido o pasado luns 21 de febreiro na Ramallosa, amosou a desprotección da bisbarra nesta materia, pois o equipo de bombeiros de Vigo tardou máis de 20 minutos e cando chegou o lume habíase autoextinguido, provocando graves danos materiais.