Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Os colectivos en defensa do cabalo salvaxe intensifican as mobilizacións contra o microchip.

Os colectivos en defensa do cabalo salvaxe intensifican as mobilizacións contra o microchip.

Correo-e Imprimir PDF

manifestación-BaionaOs colectivos involucrados na conservación e defensa do cabalo salvaxe galego apresuran unha serie de medidas co fin de que a Xunta de Galicia rectifique a súa intención de obrigarlles a colocar un microchip en cada animal. A pasada fin de semana unha reunión do colectivo en Amil, decidiu presentar observacións ao anteproxecto de lei elaborado polo goberno autonómico e solicitar unha entrevista co presidente da Xunta. As asociacións queren expresar o seu malestar porque o borrador en estudo "ignora a especificidade do patrimonio dos curros e dos cabalos ou garranos salvaxes, que non ten que ver nada coas explotacións gandeiras e outros xeitos de xestión da cabana cabalar", segundo sostiveron despois da xuntanza.

 

Segundo manifestara Xilberte Manso, membro de SOS GROBA, a nova lei comete o erro de asimilar a situación dos propietarios de establecementos comercias de gando equino, cos membros das asociacións que xestionan os curros tradicionais. Estes últimos, non persegue un fin de lucro, todo o contrario, manteñen unha tradición que non dá máis rédito ca celebración dunha cultura vencellada á identidade do país. Con varios milenios de existencia no territorio galego, os cabalos ceibes sobreviven grazas a que centos de persoas pagan do seu peto os custes de manterllos rexistrados, marcados e asegurados, nun marco organizado da súa xestión, asegura Xilberte Manso.

A obriga de pagar un transmisor que ten un custe de entre 40 e 50 euros, case o mesmo valor de cada animal, desalentará o mantemento dos curros, alertan dende ás asociacións . De feito, os deste verán xa amosaron as dificultades pola que atravesan moitos propietarios que decidiron darse de baixa na actividade ou entregar a prezos simbólicos as bestas por non poder facer fronte ás obrigas.

As asociacións solicitaron este luns unha entrevista co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo para ademais de achegarlle de primeira man o punto de vista do colectivo, recordarlle que ten feita unha promesa dende o curro de Torroña "de axudar a resolver o problema".

Tamén os propietarios de cabalos salvaxes entrevistaranse con representantes de tódolos partidos políticos para solicitarlles o seu apoio na creación dunha figura legal de protección especial para estes exemplares. A mobilización tamén chegará á Unión Europea, coa presentación dunha queixa e documentación explicando o perigo no que se atopa este patrimonio natural, "único no mundo", aseguran.

Na xuntanza de Amil, celebrada o pasado domingo 6 de novembro, participaron representantes da Rapa das bestas de Sabucedo, dos curros da Serra da Groba, A Valga, Morgadáns e o Monte Galiñeiro, do Monte Castrobe e de Amil. Tamén estiveron presentes representantes dos grupos Sociedade Galega de Historia Natural, a Asociación Ecoloxísta Lobo e SOS Groba.