Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O curro da Valga celébrase en medio das protestas pola implantación obrigatoria dos microchips.

O curro da Valga celébrase en medio das protestas pola implantación obrigatoria dos microchips.

Correo-e Imprimir PDF
cabalo_ceive

O Val Miñor vivirá este sábado 8 de maio o tradicional curro da Valga. A actividade, tamén coñecida como “rapa das bestas” terá como contexto o estado de alarma xeral na que se atopan ás asociacións cabalares pola decisión da Xunta de Galicia de impoñer o uso obrigatorio dun chip identificatorio en cada cabalo ceibe. O costo deste elemento rolda os 40 euros, un valor desmedido para a rentabilidade que dan “as burras do monte”, en xeral conservadas polo seu valor lúdico e cultural. Distintas asociacións vinculadas aos cabalos e a defensa do patrimonio cultural galego preparan actividades de protesta e sensibilización a desenvolver durante o curro. Entre elas a asociación miñorana SOS Groba ha preparado unha cartilla na que expresa o seu apoio aos propietarios dos cabalos e aos curros. Reivindicando o seu valor como patrimonio cultural, a asociación manifesta que “as burras do monte xa teñan un marco identificativo, historicamente usado, que permite saber quen é o seu propietario, están rexistradas no libro das asociacións e teñen os seguros aos que obriga a lei.”

SOS Groba afirma que as “burras do monte” non son gando, entendido como animais “criados para tirarlle rendemento económico”. Agregan que trátase dun “Patrimonio Cultural e Natural do noso país, que necesita protección para que persista e non se perda en pouco tempo. Están nos nosos montes dende hai miles de anos, como testemuñan os petróglifos, e forman parte da nosa cultura etnográfica dun xeito singular en toda Europa.” Ademais este gando “cumpren unha función ecolóxica moi importante para os nosos montes, como desbrozadores naturais e como animal salvaxe en perigo de extinción”, aseguran.

A asociación miñorana advirte que o seu valor de mercado e moi inferior ao seu valor social e, polo tanto, necesitan de medidas de protección e apoio para a súa supervivencia, nun medio suxeito a moitas presións e cambios que as levan a unha diminución paulatina moi perigosa. A organización plantexea a necesidade de crear unha figura de especial protección de forma urxente” ou desaparecen en poucos anos, co que iso suporía para o patrimonio cultural galego e europeo, que espera que algún día sexa considerado pola UNESCO Patrimonio Universal.”

Segundo o manifesto non hai oposición a que se controle e regule, axeitadamente, a vida das “burras do monte” se non que se propón que se xeneralice o control mediante as organizacións de propietarios, por zonas, con un regulamento no que consten o libro de propietarios, os exemplares, os marcos e os seguros obrigatorios, segundo se está a facer xa na Serra da Groba.

SOS Groba afirma que o microchip non vai evitar os accidentes, “que son iso, accidentes e imprevisibles”, se non que son as asociacións de propietarios xunto coas Comunidades de Montes e os Concellos, coordenados polas Consellarías de Cultura, Medio Ambiente Medio Rural, “os que teñen que facer uns Plans de Ordenación do Monte nos que habitan as nosas burras para localizar e neutralizar posibles puntos negros e de conflito, suxerindo e promovendo medidas correctoras en colaboración conxunta.” Ademais afirman que a Unión Europea non obriga a pór o microchip aos cabalos salvaxes e si a protexelos, xunto co patrimonio que supoñen as súas festas tradicionais dos Curros e Rapas