Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas Ciclo vital dun cabalo ceibe

Ciclo vital dun cabalo ceibe

Correo-e Imprimir PDF
Poldros no curro da Valga (Imaxe Xilberte Manso)

A partires de febreiro as chamadas burras do monte comezan a parir. Os propietarios seguen a evolución dos seus animais perante todo o ano, vixiando que se manteñan nos lugares  acostumados e controlando os seus pasos polo seu hábitat. Segundo a época do ano e o clima, van mudando de espazo, seguindo pautas comúns a calquera animal salvaxe territorial.

Chegada a primavera, cando xa abondan os novos poldros, os propietarios van fixando os caracteres dos novos exemplares, xa en anotacións escritas xa, máis modernamente, en fotos, coa finalidade de que cando chegue o día do primeiro curro,  tódalas crías estean identificadas e non haxa confusión ao estar mesturadas na grea que se vai xuntando para acurralas.

Os días antes ao curro vanse vixiando os animais, para ver por onde andan e, nalgúns casos, vanse xotando para espazos onde sexa máis doado agrupalos. Chegado o día do curro, cada propietario ten que por un número de persoas, que se acorda en asemblea días antes, por animal para axudar no cordón e ir agrupando dende ben cedo, aos animais que van a entrar ao curro.

O cordón faise coa xente que trae cada propietario, é consiste en ir acoutando espazos do monte para que, mentres uns a cabalo e metendo todo o barullo e ruído que poidan, e outros a pé, ir xotando aos animais cara os puntos de agrupamento dende os que se vai guiar a grea ata as proximidades do curro.

Xa de a cabalo xa de a pé, o cordón vaise estreitando e as bestas xúntanse nunha espectacular marea de crinas e rinchos que choutando por riba do mato,  galopan cara a súa cita anual co man do home. Esta cita congrega a milleiros de persoas, unhas como simples espectadores e outras como participantes nas diversas tarefas que supón a celebración do curro. Os membros das familias cumpren cada un o seu cometido. Xa dende pequenos os rapaces e rapazas axudan no curro e van aprendendo os usos e costumes que lle legaron os seus avós. A relación entre bestas e persoas está xunguida polo feito tradicional que ten as súas regulas e das que son fieis gardiáns os acurradores.

Antes de entrar no curro faise a chamada parada, nun lugar próximo ao curro. Aí vanse xuntando tódolos animais que proceden, as veces, dos catro puntos cardinais. Xa agrupados, bestas bravas e xinetes e homes e mulleres de a pé, xotanse os animais para o cercado do  curro. A manda, un ano máis, cumpre co rito milenario.

Xa acurrados nun recinto que soe ser grande, os animais descansan agrupados por familias, despois de dar algunhas voltas e rinchos na pescuda dalgún exemplar que se viu illado dos seus  entre a multitude e os nervios da masa de cabezas abafantes. É medio día. A xente vai ollando aos animais botando contas de se entraron ou non os seus. Se teñen as crías e no estado en que están. Con moita habilidade, bótanlles man aos poldros para marcalos con tesoiras, facéndolle a marca da casa ou familia.

Rematada esta tarefa,  chega a hora do descanso e do xantar con tódolos familiares e amigos que axudaron a acurrar os animais. É o intre dos comentarios e as contas sobre  como foi a xornada. Ata as 5 da tarde en que continúa a outra parte das festa dos curros.

Cando se achega a hora xa a xente se vai preparando. Hai que coller as varas e os cabestros, preparar os marcos e o lume, os desinfestantes e as tesoiras.

Dada a orde polo presidente da asociación, xotanse os animais para o curro, un recinto máis pequeno, normalmente de paredes de pedra ( agás o do Galiñeiro que é de troncos de madeira) no que o espazo se reduce e os animais entran nunha tensión que produce couces e rinchos entre os garañóns e matriarcas rexas que non se deixan asoballar. Os poldros son separados a man das súas nais, segundo van entrando ou xa dentro do curro, para pasalos para o curro dos poldros onde estarán máis seguros e sen perigo de ser esmagados polos seus conxéneres maiores.

Rematada a faena de separa ás crías, comezase a sacar, primeiro as preñadas e os garañóns. Está tarefa é para evitar as pelexas e para que as femias que aínda non pariron sufran danos.

Unha vez que xa se sacaron os machos e as preñadas, dáse a orde e xa se pode sacar a eito. Cada propietario ten que sacar do curro os seus animais, un a un, coa vara de encabestrar, estando prohibido sacar a man. Esta tarefa realizase con moita maña cunha vara duns dous metros, dous  metros vinte, que ten na punta unha especie de uve e un gancho para facilitar o labor de suxeitar o cabestro e de ripalo, unha vez que xa se sacou o animal e se ceiba de novo.

O cabestro é unha corda que leva feita unha cabezada e que se colga da vara e se aproxima coa mesma as orellas do animal para que, unha vez pasado por tras das mesmas, turrar forte para abaixo e conseguir pasalo por baixo do belfo para que así fique encabestrado e suxeito a corda duns catro metros. Xa presa a besta, e guiada cara fora do curro para desinsectala exteriormente por pulverización dun liquido para a mosca e as carrachas, e interiormente facéndolle engulir unha pasta contra os parasitos intestinais. Todas estas tarefas fanse co animal preso polo cabestro e con especial atención. Unha vez desinsectado, hai que rapalo, cortándolle as crinas do rabo e do pescozo para unha mellor hixiene do animal e, tamén, mellora da súa estampa.

Unha vez rematada esta tarefa, si o animal no troca de dono, ceibase. Si troca de dono hai que marcalo co marco do novo propietario, pondo o ferro ao lume e, ben suxeito por varios homes, turrando polo cabestro e máis polo rabo que se ata coa axuda da vara a outra corda, fincándolle o marco na anca dereita onde se gravara  de xeito imborrable.

Cando a besta ten cría, achegase a cría que estaba no curro dos poldros e, despois de marcala co ferro da casa, ponse a carón da súa nai para ser ceibadas xuntas.

Os poldros machos, polo xeral son vendidos para carne e, polo tanto separados das nais, que en poucos días entraran en celo e serán cubertas polo garañón da súa manda.

Os garañóns son ceibados os primeiros para evitar, como diciamos, pelexas innecesarias e en poucas horas xuntan , de novo a súa manda, volvendo aos lugares onde adoitan vivir, agrupados por familias que, xeralmente, están constituídas por unha matriarca vella, as súas fillas e as netas e incluso bisnetas. Os garañóns andan aparte, agás nos intres puntuais en que as femias están receptivas.

Pasado o día do curro de primavera, non se volveran a xuntar os animais ata a última semana de xullo e/ou o mes de agosto, no que se repiten os curros chamados da mosca, por ser feitos coa finalidade de tratar aos animais para matarlle as molestas moscas dos cabalos e o tábanos.

Rematado agosto, os cabalos ficaran ceibos polas nosas serras, formando unhas das estampas máis fermosas dos nosos montes cos seus lentos e vagarosos andares entre o mato e a luz dos abrentes e os solpores, ata  o ano seguinte que se repetira o rito milenario de acurralos. Sen sabelo, iles son os gardiáns dunha das máis nosas tradicións e un patrimonio que non podemos perder. Por isto queremos que  se cree  unha figura especial de protección do Cabalo Ceibe Galego e se poña en valor e en consideración  tanto o animal como as festas tradicionais dos curros e os seus hábitats. Non podemos deixar que dentro duns anos sexan só  un petróglifo gravado hai miles de anos nunha pedra ou  unha lembranza  nun libro ou un documental etnográfico.