Xilberte Manso de la Torre é un dos homes que máis coñece a bisbarra miñorana. Non só polo que dela ha estudado se non tamén polo que dela ten percorrido, pescudado, atopado e sinalado. Boa parte do coñecemento que as xentes do Val Miñor e contorna así como os que dende lonxe ten coñecido do val débese seguramente á súa participación nalgunha das centos de xeiras que Xilberte organiza, guía e anima ao longo do ano. Profesor das Escolas Proval, membro da Xunta Directiva do Instituto de Estudos Miñorano, fundador e animoso impulsor de SOS Groba, da Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro, vive e realiza cada unha das súas actividades guiado polo seu profundo amor pola terra miñorana e a súa identidade galega.
O conflito desatado entre as asociacións de propietarios das burras do monte e a Xunta de Galicia, colocou na axenda xornalística o tema do cabalo ceibe galego. Valminor.info coñecía a existencia dun escrito onde Xilberte Manso analizaba e explicaba coa súa habitual claridade o valor dos curros e do cabalo para a bisbarra. Tivemos o honor de recibir a súa autorización para publicarllo. Por iso hoxe compartimos cos lectores a primeira parte dese traballo.
OS CURROS DO VAL MIÑOR
Os cabalos habitan os nosos montes dende hai milleiros de anos. O home, dende ao menos hai 6000 anos, interesase polo Cabalo Ceibe, segundo podemos ollar en escenas de monta en petróglifos nas nosas serras.
Os Curros son os espazos físicos onde se concentran os cabalos ceibos ou do monte dúas veces ao ano. Tamén é o nome que se lle da a xornada de festa e todo o proceso de manipulación das “burras”ou bestas, nese mesmo espazo e nos montes onde vive ceibo todo o ano.
No Val Miñor temos seis curros activos, nos que se levan a cabo as tradicionais rapas e se controlan os animais e as súas crías nacidas no ano, seguindo costumes herdadas de pais a fillos secularmente, con características propias da zona no xeito de interactuar cos animais. Este é un patrimonio noso, único no mundo, con valores etnográficos e patrimoniais en perigo de desaparición polos cambios de uso do monte, a presión sobre os espazos de hábitat e a desvalorización do propio cabalo ao non ser rendible como animal para uso domestico nin comercial, nos últimos anos.
O Cabalo Ceibe Galego dos montes Miñoráns é un Patrimonio Natural, como especie de animal salvaxe en perigo de extinción, é un Patrimonio Cultural e Etnográfico, polas festas dos curros e o xeito único do seu tratamento en liberdade. Sendo un animal ceibo, ten dono, é marcado aos poucos días de nacer e controlado cada ano na súa festa, os días dos curros.
O Cabalo Ceibe é un elemento vivo fundamental para o equilibrio ecolóxico dos nosos montes. Ao seu papel de desbrozador natural, hai que engadir a grande axuda que supón para o control do mato e dos lumes, da conservación dunha raza propia do noso pais, Pura Raza Galega, e dun animal mítico que só se conserva ceibo en poucos lugares do mundo, sendo o Val Miñor un dos que ten aínda unha considerable densidade de animais. Nos últimos dez anos pasamos de 3000 cabezas a 1500 de este último verán.
Os cabalos Ceibos do Val Miñor están todos controlados por un “marco” que se lle pon na súa anca dereita, no primeiro curro despois de nacer, e todos están rexistrados nun libro da Asociación de Propietarios do Cabalos do Monte da Serra da Groba, que custodia dende hai moitos anos as marcas familiares, pasadas de pais a fillos, e a tradición, facendo que se respecten as normas de manipulación dos animais e da Festa dos Curros, con controles estritos.
.Os Curros e os cabalos son o único uso patrimonial que conservan hoxe os nosos montes, xunto co aproveitamento das traídas de augas.
As festas dos curros e os nosos cabalos teñen que ter un valor engadido facendo da súa presenza nos nosos montes un dinamizador cultural, natural e educativo, no que o seu valor patrimonial debe ser priorizado e potenciado.
Propomos que se cree unha figura especial de protección, ao igual que se ten feito con outros animais en perigo de extinción, na que o Cabalo Ceibe Galego, neste caso da Serra da Groba e do Galiñeiro, se regule segundo historicamente se fixo, co seu libro de rexistro, os seus marcos e o seu tratamento en liberdade nos nosos montes. A Asociación de Propietarios xa o ven facendo, e podemos salientar a ausencia de sucesos indesexados relevantes nos últimos cinco anos.
A perda dunha tradición supón empobrecernos todos algo máis. Hoxe aínda podemos salvar aos nosos Cabalos Ceibos e as súas Festas dos Curros, e facer delas un valor engadido para o noso rural, con posibilidades de negocio e comercio, turismo e cultura.
Temos que potenciar o coñecemento dos nosos cabalos e os curros, para valoralos e conservalos e axudar a que non sexan para os seus propietarios unha carga que aguantan por tradición, con grandes custos persoais e económicos.