Luns, 19 Aug. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Opinion Cartas Carne e carné de cabalo salvaxe. Problemas e solucións

Carne e carné de cabalo salvaxe. Problemas e solucións

Correo-e Imprimir PDF

cabalos1Carne de cabalo

Malos tempos para os cabalos e bestas bravas dos nosos montes. Xúntanse a fame e as ganas de comer.

Falando de comer, son moitas as novas que están aparecendo en diversos medios de comunicación metendo dun xeito incorrecto e tendencioso o tema dos cabalos e a súa carne. Aparece un problema da  fraude na cadea alimenticia e, no canto  de falar da dita  fraude e explicar o como e o por qué, as novas que aparecen nos informativos falan da carne de cabalo como se fose unha peste que vai a acabar con todos nós. A realidade é transformada nun espectáculo que soborda a obxectividade e a información, e deixa nun segundo nivel o verdadeiramente importante, a fraude, dándolle protagonísmo aos pobres cabalos que fican como os culpábeis dun timo o que non foron convidados.

Se a todo isto, engadimos os problemas mediáticos que se están a dar coas informacións sesgadas ou mal elaboradas (por falla de dados e concreción, subxectividade e probables intereses ocultos) sobre os cabalos ou bestas do monte e os seus problemas de supervivencia e a súa relación co medio no que habitan, temos un combinado que de resultas vai a producir, de entrada, mala imaxe ( ou polo menos desvirtuada), e unha tendencia a posicionarse do xeito máis cómodo no refugamento dos ditos cabalos e, como consecuencia, na aceptación irreflexiva das medidas máis radicais e drásticas para atallar os problemas. A erradicación dos nosos  montes dos cabalos salvaxes, as nosas besta bravas , a perda de consumidores de carne de cabalo pola confusión creada e consecuente identificación de carne  insán, contaminada e perigosa para a saúde.

cabalos2Temos dito moitas veces que os problemas hai que solucionalos analizándoos, estudándoos e botándolle  unha ollada reflexiva e integral,  para ver como pode encaixar cada unha das posibles respostas que se poidan dar na pretendida resolución buscada. Non sempre é fácil dar respostas acaídas a cada situación, mais iso non debe ser impedimento para traballar na procura de vieiros que nos leven a solucións convincentes e que teñan en conta o peso de todo o que tratamos. Non podemos dar como boa a extinción dos cabalos nos nosos montes, o exterminio organizado e  fomentado, como está a suceder xa pola bisbarra dos concellos da terra  de Montes, o Barbanza e outros lugares do país. Somos conscientes dos problemas que existen, das tráxicas consecuencias dos accidentes con bestas nas estradas, dos estragos en plantacións, etc. Sería fundamental ir á raíz do problema, identificando aos propietarios, capturar aos cabalos ceibos non identificados e, sobre todo,  informar e educar as nosas xentes para que ningún interese lexítimo de cada quen estea por riba dos de outros, tamén lexítimos e necesariamente compatibles, para ter un país máis rico, produtivo e organizado, respectuoso co medio e sustentábel,  cara un futuro moi difícil e cheo de atrancos, no que vemos que vellas solucións  non deron nin darán resultados satisfactorios para as nosas xentes do rural. É máis necesaria que nunca unha ordenación e  regulamento que teña en conta tódolos valores e intereses, xa sexan naturais, culturais, patrimoniais, ecolóxicos, comerciais e privados,  para tentar achar unha medida sustentábel e conservacionísta, sen que elo supoña ir en contra dos dereitos lexítimos dos propietarios de montes, terras, e besteiros, así como dos ecoloxistas e defensores do noso patrimonio cultural. É posible. É necesario.É imprescindible. Nós estamos nese camiño,  e non imos regatear esforzos en buscar lugares de entendemento, a pesares de ser conscientes da dificultade da tarefa. O diálogo, o troco de información, o estudo, a investigación e análise das distintas realidades do país,   a posta en común de experiencias e as posibles solucións conxuntamente con tódolos actores implicados, son e serán as ferramentas que nos leven as conclusións e artellamento das ferramentas para solucionar os problemas. Unha lexislación e  regulamento que teña en conta tódolos factores,  e sexa o resultado dun traballo intenso e exhaustivo,  pormenorizado,  que contemple ás bestas do monte, os cabalos salvaxes como un patrimonio a protexer e non como un mal ou problema  a extinguir.

A fraude alimentaria

cabalos3Mesturar carne de vacún con carne de cabalo non é tóxico. Pode ser unha fraude se non se informa ao consumidor de dita mestura, e se lle está a vender un produto fabricado cun tipo de carne que non vai na etiqueta, ou non se fan os controis sanitarios pertinentes.

A carne de cabalo é saudable e, a máis das veces, máis recomendable que a de vacún pois carece de certas graxas que elevan o colesterol no sangue.

A carne de cabalo foi moi consumida no noso país, contrariamente ao que se pensa e ao que se di nos medios. Non existe tabú algún no consumo de carne de cabalo en Galicia. Ata non hai moitos anos, existiron moitas carnicerías de carne de cabalo en tódalas grandes cidades de Galicia e os seus mercados centrais. Estas foron desaparecendo,  igual que o foron os cabalos das facendas e casas rurais, o mesmo que as feiras de cabalos e os tratantes neles. Unha cousa foi derivando na outra, e consecuentemente, só ficaron algúns establecementos que vendían carne de cabalo aos cada vez menos consumidores. Como anécdota, lembrar como en Santiago de Compostela, a finais dos anos  setenta, algúns estudantes, entre os que me atopaba, comíamos carne de cabalo en varios restaurantes onde o prato do día era dos máis baratos. Daquela os estudantes facíamos virguerías para chegar a fin de mes cos cartos que os nosos pais nos facían chegar para realizar os nosos estudos lonxe da casa. Na cidade compostelá había moitas tabernas, fondas e pensións nas que os estudantes viviamos e comiamos economizando ao máximo para chegar ata fin de mes e facer  que os cartos nos deran para comer, mercar libros, divertirse e convivir nunha cidade fervedoiro de acontecementos . Naqueles lugares onde o prato do día era máis barato, a carne da paella ou do guiso era de cabalo.

Non por ser, daquela, máis barata era máis ruín. Era máis negra, doce e, as veces dura, se era dun cabalo vello, o mesmo que ocorre coa de vaca ou boi. Non por iso deixa de ser nutritiva e san. Hoxe atopase nos mercados carne de poldro ao mesmo prezo que a de tenreira, e moitas veces máis cara, dependendo do corte ou parte que se merque. É recomendada para as dietas baixas en colesterol.

Os poldros das serras do Val Miñor, son consumidos polos propietarios e raramente chegan aos mercados. Son sacrificados moi novos, con pouco peso e por iso teñen unha carne tenra e totalmente ecolóxica, sen ningún tipo de aditivos nin medicamentos. Temos dito en varias ocasións que unha das fórmulas para facer sostible a supervivencia das bestas do monte e a festa dos curros, estaría na comercialización e cría dos poldros da serra da Groba e do Galiñeiro, creando unha especie de cooperativa que os manteña un meses máis, para que gañen peso e as canles sexan rendibles nun mercado que se podería estender cun selo de calidade propio do Val Miñor, xunto con  medidas de elaboración de outros produtos derivados dos cabalos do monte.

Para facer isto é necesario regular e ordenar a vida dos cabalos do monte, as burras do monte, como un patrimonio único de Galicia, tendo en conta a súa singularidade e os beneficios ecolóxicos, naturais e culturais que proporcionan, non desprezando outros comerciais que se poderán dar pero que hoxe non son os principais nin fundamentais na conservación de este patrimonio no Val Miñor e sur da provincia de Pontevedra.

Alternativas

cabalos4Nestes últimos anos temos presentado ante as autoridades da Xunta, os grupos parlamentarios do parlamento de Galicia, e  en congresos e diversos foros as nosas propostas e suxestións para acadar solucións ante o problema xurdido co Decreto Equino e os problemas que se están a dar por todo o país cos cabalos do monte, cabalos salvaxes ou burras do monte. Nos consideramos que son as partes as que teñen que  falar e buscar consensos, analizando tódalas caras dun problema complexo. Presentamos a nosa experiencia, a do Val Miñor e montes de Oia, O Rosal e Tomiño,  para ver posibles solucións e formas  de xestión, mellorables, pero que están dando respostas acaídas e que se podían estender a todo o país. Resumindo, algunhas das medidas podían ser:

- Creación de Asociacións de propietarios de Cabalos do Monte por zonas ou delimitación xeográficas concretas.

- Rexistro de Asociacións nun censo Galego, controlado pola Xunta de Galicia, nas consellerías correspondentes ( estamos a falar dun ben de interese cultural, natural,  e patrimonial).  A día de hoxe serían as Consellerías do Medio Rural, Consellería de Cultura e Consellería de Medio Ambiente.

- Creación dun Organismo e/ou sección específico que combine, protexa e divulgue os diversos intereses de este patrimonio singular galego.

- Censo de animais, marcados con marcas tradicionais que permitan a súa identificación, por zonas.

- Adaptar o censo ao territorio, segundo criterios de sostenibilidade, repartindo o número de cabezas segundo as necesidades de espazo vital dos animais e as condicións do territorio no que viven.

- Rexistro de Marcas Tradicionais e propietarios nun libro oficial que estea a disposición dos Concellos, Seprona, Gardas Forestais e autoridades .

- Seguros colectivos e individuais que cubran os incidentes e accidentes que se poidan producir.

- Convenios de colaboración entre CCMMVVMC, Asociacións de Propietarios , Concellos e Colectivos e particulares implicados.

- Regulamento e normas específicas para as organizacións de Curros, Rapas, Concentracións  e Festas Equinas.

- Control dos espazos de tránsito dos animais,  e valar e pechar lugares ou puntos negros nos que sexan susceptibles incidentes, xa sexan estradas, camiños, parcelas privadas cultivadas, etc.

- Sinalizar e balizar os lugares nos que transitan as bestas e regular o tránsito de vehículos para evitar accidentes.

- Regulamento de manexo, transporte e comercialización de animais que sexan susceptibles de entrar na cadea alimenticia, comercio, troco ou doma.

- Potenciación da raza autóctona P.R.G. e control xenético. Limitar a intrusión de razas foráneas e/ou o control específico por zonas.

- Banco público de sementais e control da Raza Pura Raza Galega. Colaboración con outros colectivos, criadores e gandeiros de animais en catividade.

- Separar as normativas dos cabalos salvaxes dos cabalos domésticos.

Si se  rexistran os cabalos e propietarios, se identifican e se cumpren as normas que acabamos de apuntar,  e se responsabiliza ás asociacións do control dos animais, facendo un control efectivo e denunciando a aqueles que non o fagan, conseguiremos a supervivencia de este patrimonio natural e cultural nos nosos montes, o seu labor de colaborador contra os lumes e incendios por ser desbrozadores naturais, manteremos o equilibrio ecolóxico de moitos lugares e axudaremos a supervivencia de outras moitas especies animais e vexetais que viven arredor dos cabalos salvaxes.

Seguramente son moitos máis os xeitos de axudar a superar os problemas que se dan cos cabalos salvaxes ou burras do monte, como chamamos no Val Miñor aos cabalos ou garranos, pero estamos convencidos de que a solución pasa por buscar puntos de encontro e de entendemento entre as administracións, os propietarios dos cabalos, as asociacións ecoloxistas e os propietarios dos montes e terras nas que pastan dende hai miles de anos os nosos cabalos. Entre todos debemos e podemos buscar solucións,  e lograr que este grande patrimonio tan singular que temos en Galicia non se perda para as xeración futuras.

Xilberte Manso de la Torre

SOS Groba