Mércores, 13 Nov. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Gondomar Colisión entre un cabalo ceibe e un vehículo no Alto de San Antoniño en Couso.

Colisión entre un cabalo ceibe e un vehículo no Alto de San Antoniño en Couso.

Correo-e Imprimir PDF
sinal-animais-soltos-couso

-O accidente deixou por saldo a morte do equino e o coche sinistrado, aínda que non se reportaron persoas con feridas de consideración.

-O cartel que alertaba da existencia de animais soltos neste punto foi “roubado” días atrás segundo denuncian veciños da zona.

- A Garda Civil trata de identificar o propietario do animal, e a concellaría de Medio Ambiente de Gondomar xa procedeu a retirar o cadáver do cabalo.

Os feitos

Na xornada deste mércores tivo lugar a colisión dun cabalo ceibe cun vehículo na estrada Gondomar – Tui (PO 340), á altura do Alto de San Antoniño, na parroquia de Couso, segundo informou, Juan Carlos González da Consellaría de Medio Ambiente de Gondomar. Tras recibir aviso, tanto da Garda Civil de Tráfico como do Servizo de Emerxencias 112, o concelleiro ordenou a retirada do corpo do animal. A recollida foi xestionada por GESUGA, empresa autorizada para a xestión de subprodutos animais.

Tratan de identificar ao propietario do cabalo

Segundo informa o Concello de Gondomar, a  Garda Civil está na procura de identificar o propietario do animal, xa que este ocasionou un accidente no cal un vehículo resultou sinistrado.

Aparentemente o animal tería as marcas de rexistro tradicionais que adoitan os cabalos ceibes da zona, segundo o concelleiro González. Nembargante, as autoridades da Garda Civil deberán contrastar cos libros de rexistros que levan as asociacións de propietarios de cabalos para identificar ao dono do equino. Consultado os presidentes dos curros da contorna (Vincios, Morgadáns e San Cibrán) estes afirmaron que ata a mañá deste xoves non tiñan recibida ningunha consulta ao respecto por parte das autoridades.

Leva semanas desaparecido o cartel que alertaba da presenza de animais salvaxes no Alto de San Antoniño.

A zona do Alto de San Antoniño ten un índice alto de accidentes con animais salvaxes dos montes da contorna, informou o concelleiro González a esta Redacción. Nese senso, Valminor.info contactou con veciños desa zona da parroquia de Couso, os que advertiron da ausencia dende hai varias semanas da sinal de tráfico que alertaba aos condutores e viandantes da existencia de animais soltos nese punto. “O roubaron hai semanas en non o colocaron máis”, advertían. A PO 340 é propiedade da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, organismo que debería repoñer a sinal.