Aparcar en Baiona é unha dor de cabeza constante para veciños e visitantes. O inexistente transporte público obriga a desprazarse entre parroquias cara á vila en coches particulares. O PP apostou a solucionar o problema incrustando dous aparcadoiros subterráneos, A Palma e O Aral. Ambos os dous deberon ser rescatados polo concello trala súa privatización por deficitarios. Neste intre o do Aral está só para uso das prazas fixas e Vázquez Almuíña decidiu o seu rescate nunha operación económica que a oposición denuncia descoñecer nos seus detalles e amosa preocupación polas cifras millonarias da mesma: o equivalente a un ano de orzamentos municipais, cando menos.
Mentres moitos veciños xogan á ruleta rusa de aparcar en zonas prohibidas, tras ducias de voltas infrutuosas na procura de estacionar, os visitantes, comerciantes e traballadores enchen as zonas libres da Virxe da Rocha, pelexan con taxistas, pescadores e marisqueiras na zona da lonxa ou desisten e procuran lugares afastados do centro da vila.