Aparcar en Baiona é unha dor de cabeza constante para veciños e visitantes. O inexistente transporte público obriga a desprazarse entre parroquias cara á vila en coches particulares. O PP apostou a solucionar o problema incrustando dous aparcadoiros subterráneos, A Palma e O Aral. Ambos os dous deberon ser rescatados polo concello trala súa privatización por deficitarios. Neste intre o do Aral está só para uso das prazas fixas e Vázquez Almuíña decidiu o seu rescate nunha operación económica que a oposición denuncia descoñecer nos seus detalles e amosa preocupación polas cifras millonarias da mesma: o equivalente a un ano de orzamentos municipais, cando menos.
Mentres moitos veciños xogan á ruleta rusa de aparcar en zonas prohibidas, tras ducias de voltas infrutuosas na procura de estacionar, os visitantes, comerciantes e traballadores enchen as zonas libres da Virxe da Rocha, pelexan con taxistas, pescadores e marisqueiras na zona da lonxa ou desisten e procuran lugares afastados do centro da vila.
Baiona e o drama do déficit endémico e as débedas millonarias dos seus aparcadoiros privatizados.
Baiona enfronta a obriga de indemnizar á empresa construtora e que até principios de mes, xestionou o aparcadoiro do Aral . Sofranda Gestão de Parques S.A., reclama próximo a 5 millóns de euros que o alcalde Vázquez Almuíña intenta reducir con argumentos tales como que a empresa xa obtivo beneficios durante a xestión, e o feito da existencia dunha débeda do canon anual. Sen embargo a empresa asegura que as instalacións do Aral tiñan un déficit endémico próximo aos 10 mil euros mensuais, froito dun defectuoso estudo de viabilidade sobre o cal baseou o concello a licitación da construción e xestión do edificio.
Días pasados o concello de Baiona recibiu o traspaso do aparcadoiro, que de momento só acolle aos clientes con prazas fixas. A entrega prodúcese tras o acordo plenario do pasado 26 de marzo, cando o alcalde Vázquez Almuíña e os seus concelleiros no goberno decidiron a resolución contractual con Sofranda polos impagos do canon e para unha futura nova licitación da xestión. Segundo declaracións de membros do goberno baionés, de chegar a bo porto as negociacións con Sofranda poderían rebaixar a indemnización a menos de 4 millóns de euros, que se pagarían co que se obtería da nova licitación da xestión.
Transparencia: os partidos da oposición aseguran carecer de documentación informativa.
A operación, equivalente nos mellor dos casos ao orzamento anual de todo o concello, é sen embargo descoñecida polo resto dos candidatos á alcaldía que irán ás urnas este domingo. Consultados, os candidatos do PSOE, BNG e EU, afirmaron que nin eles nin o seus partidos recibiron a documentación necesaria que explique e dea transparencia a esta operación económica asumida polo alcalde popular Vázquez Almuíña.
Construcións millonarias que non dan servizo adecuado aos veciños
O aparcadoiro do Aral con 624 prazas amosa similar defecto que o da Palma: insuficientes para responder á presión da demanda de estacionamento nos meses do verán, á vez que infrautilizados no resto do ano, salvo festivos e domingos. A maiores, dende que estes aparcadoiros comezaron a funcionar, Baiona foi obxecto dunha política de redución sen pausa de prazas gratuítas para estacionar. Un número próximo ás 400 segundo datos achegados de xeito coincidente polos grupos da oposición.
"O tema nunca foi resolto tendo en conta as necesidades da veciñanza", palabras máis palabras menos, coinciden en sinalar Rafael Lores (PSOE), Iago Pereira (BNG) e mais Silvano Montes (EU), os tres representantes da veciñanza baionesa que competirán con Vázquez Almuíña o vindeiro domingo.
O PP restou 400 prazas gratuítas á vila.
"Os veciños néganse a pagar", salienta Rafael Lores. Afirma que iso é unha confirmación histórica de que estas infraestruturas non foron un reclamo popular. Engade que por riba, nunca os xestores impulsaron iniciativas cara a solucionar o problema. "Os veciños do lugar, os comerciantes e traballadores, os que chegan de Baredo e outras parroquias necesitan onde aparcar", pero lamenta que quedou demostrado que a política aplicada aos aparcadoiros non deu solución as súas realidades e posibilidades.
"Agora non son necesarios", declara Iago Pereira, quen tamén ve con preocupación o negociado que leva adiante Almuíña sen dar detalles informativos. Denuncia que a política do PP foi quitar sistematicamente prazas gratuítas, "para obrigar á xente a meter os coches nos aparcadoiros". "Fracasou", conclúe.
"A mala xestión do tema vai hipotecar os presupostos dun ano de Baiona", reflexiona Silvano Montes. Preocupado polo déficit endémicos destas estruturas polémicas que impulsou o PP en Baiona, salienta o feito que por riba "nunca solucionaron o problema principal", un servizo eficiente e viable para veciños e visitantes.
Existen alternativas?
Os tres candidato consultados coinciden en que sen información é imposible dar unha opinión ou solución definitiva. E de momento os datos só os manexa a administración Almuíña, denuncian. Mais coinciden en sinalar que o futuro destas instalacións estará máis ligado a unha política baseada nun servizo á comunidade local ca o turismo de dous meses que agora oferta Baiona.
Advirten que sen un estudo de viabilidade serio, pouco cambiará no horizonte. "Quen vai querer licitar cos números actuais"; "como puido sustentarse o informe anterior dividindo a totalidade do tráfico de coches dun ano e logo dividido polos 12 meses, se era irreal"; foron frases rexistradas na conversa individual mantida con Lores, Pereira e Montes.
Todos coinciden na necesidade de esgotar esforzos para dar viabilidade a estas infraestruturas millonarias, que por riba, no caso da Palma, a súa construción levouse por sempre o xacemento arqueolóxico que agochaba as primeiras poboacións que deron orixe á vila de Baiona.
"O PP sempre di que gústalle fomentar o deporte, por iso implantou estes aparcadoiros, e así a xente prefire vir camiñando", ironizou Silvano Montes, con algo de humor ao final do diálogo.