Sábado, 15 Aug. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Sociedade Alerta en Galicia pola aparición de ladróns que falan galego.

Alerta en Galicia pola aparición de ladróns que falan galego.

Correo-e Imprimir PDF

Aparentemente son catro mozos novos, utilizan lanternas para encandear as vítimas, mais a principal sinal que salientan diversos medios é que falan galego. "Son violentos, utilizan linternas y hablan gallego", titula na súa cobertura dunha serie de roubos no rural de Ourense o xornal La Región. Mentres que a crónica do sábado de La Voz de Galicia salienta que "Así, todos los testigos han confirmado que se trata de personas jóvenes, que hablan gallego y que actúan de forma muy organizada".

Polémica nas redes
Este acento galego que "vende" aos delincuentes está a circular nas redes dende a fin de semana. A polémica céntrase no feito de se falar a lingua do país debe ser considerada sinal de identificación no perfil destas persoas. Os principais críticos afirman non lembrar que esta prensa case monolingüe en castelán indique nas súas crónicas e artigos o carácter de castelán falante dalgún delincuente o presunto ladrón nos artigos de sucesos ocorridos en Galicia.
Sen embargo, a inclusión en titulares ou nas crónicas do carácter de galego falantes dos delincuentes ten os seus defensores. Nalgúns casos chegan a sinalar que ten igual valor informativo que cando se fai referencia ao carácter de estranxeiro ou pertencente a etnias ou pobos específicos dos ladróns.


Cantas persoas falan galego en Galicia?
Pode que a perda que se está a rexistrar do uso do galego como lingua única o máis utilizada poda dar pulo a engadir a calidade de galego falante ao perfil de busca dun presunto ladrón que actúa nunha localidade galega. Sen embargo, o último informe do Instituto Galego de Estatísticas, que comprobou nun estudo de 2010 este rexistro da media lingüística, tamén sinala que o 56% da poboación é monolingüe en galego ou adopta a lingua do pais a maioría das veces. Engade que do resto, un 22% a utiliza, aínda que con menor frecuencia. Só un 20% dos habitantes de Galicia enquisados admitiron ser monolingües en castelán.

Cantos sospeitosos hai entón neste atraco?
Destes números e engadindo que o carácter de "mozo" ou "novo" o poderíamos situar na media dos habitantes masculinos menores de 30 anos (desculpade a discriminación), o perfil de mozo que fala galego deixa como sospeitosos próximo a 100 mil persoas que viven en Galicia. Claro, se temos que contar cos que viven fóra, a cousa aínda vai estar máis complicada para os detectives.