Domingo, 25 Oct. 2020

Actualizado03:05:36 PM GMT

Estás en Canais Cultura O galego, relegado a un 2% das aulas de infantil nas cidades #linguaGalega

O galego, relegado a un 2% das aulas de infantil nas cidades #linguaGalega

Correo-e Imprimir PDF
O conselleiro de Educación, nun colegio - Foto Xunta de Galicia

O pasado 8 de febreiro fixéronse cinco anos dende que un colectivo autoalcumado bilingüe co apoio de partidos como o PP, UPyD ou Falange saíu en manifestación polo centro de Compostela para clamar contra o que consideraban "imposición" da lingua galega. Media década despois e mentres esta asociación segue a emitir advertencias máis ou menos risibles a través das redes sociais o galego está tan lonxe de ser imposto como daquela, pero tamén en condicións sensiblemente peores para acadar unha presenza normal no ensino, tal e como marcan as leis. Así o constata, cando menos, a cuarta edición da enquisa coa que A Mesa pola Normalización Lingüística obtén un retrato da saúde do idioma nun dos ciclos educativos máis sensibles, o infantil, e nun dos entornos nos que a conservación do galego ten, a priori, máis problemas.

A Mesa sondeou un total de 289 centros educativos -públicos, privados e concertados-, sete máis que o curso pasado, e obtivo un resultado que converte en traxicómicas as proclamas da asociación presuntamente bilingüe. Deses 289 centros só 7, dous en Ourense e cinco en Santaigo, "declaran" impartir as súas aulas de infantil "maioritariamente en galego". Así, fronte ao 3,19% do pasado curso o uso maioritario da lingua galega está relegado xa ao 2,42% dos centros. O panorama non é moito mellor se a estes se suman os centros que aseguran impartir "algo en galego" neste nivel educativo. Entre todos son 19 centros entre as sete cidades que supoñen o 6,57%.

Só sete dos 289 centros educativos consultados declaran impartir as súas aulas "maioritariamente en galego"

Por cidades Compostela é, "con diferenza", resalta o estudo, a que "palía mellor o proceso de desgaleguización" do ensino infantil. Se cadra na capital, din, se fan notar con maior intensidade "as sentenzas gañadas pol'A Mesa e a CIG Ensino, algo que non acontece en absoluto no resto de zonas urbanas". Así e todo, os colexios santiagueses que "declararon impartir algo en galego" son só 7 dos 37 cos que conta a cidade. A urbe cunha situación menos negativa tras Santiago é Ourense, onde malia ás "respostas pouco específicas" a asociación conclúe que o galego é "maioritario" en 2 dos seus 34 centros educativos.

A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Vigo non teñen ningún centro onde o galego sexa maioritario

Nas maiores urbes do país, Vigo e A Coruña, a situación é aínda menos favorable. No caso vigués, dos seus 93 centros só 5 din "impartir o 50%" do seu horario lectivo de infantil en galego e en catro aseguran ter "cadernos específicos para o galego".  Na Coruña os centros que aseguran dedicarlle a metade das aulas á lingua propia son 4 de 48 e un máis "di impartir o 33% en galego". A resposta do 50% prodúcese tamén en dous centros de Ferrol.

Con estes datos na man A Mesa considera "especialmente preocupantes" os resultados de Pontevedra e Lugo. En ningún dos 26 centros da capital lucense o galego é maioritario en infantil e, "en xeral", limítase a asegurar que o galego está presente "segundo a lei". En Pontevedra "o español foi maioritario en todos os casos" e o único centro que "dicía impartir en galego" o curso pasado xa non o fai.

Evidencia do "plan de demolición lingüística"

A xuízo d'A Mesa os datos de presenza do galego en infantil son unha mostra evidente da falta de interese da Xunta pola promoción da lingua propia a cal, din, se manifesta tamén na "ausencia de materiais didáticos en galego nunha porcentaxe mesmo inferior á da presenza" do propio idioma. Así, "so 11 dos 289 centros de infantil consultados dispoñen de material didáctico en galego", un material ao que o Goberno galego, malia á súa obriga legal, lle recorta apoio económico ano tras ano. "É rechamante que os propios centros se queixen de que malia ás súas solicitudes a Xunta non fai nada por dotalos de material", resaltan.

Maceira censura o "desprezo" da Xunta pola lingua propia

Neste contexto, o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira, ve estas cifras  "indicativas de como funcionou o plan de demolición lingüística da Xunta de Feijóo" e de "como se está a acelerar o proceso de eliminación do galego do sistema educativo". Para Maceira o mandato do PP supón xa un "quinquenio negro para a lingua galega", marcado "por un desprezo que loxicamente se corresponde co desprezo que, en xeral, mostra cara ao pobo galego". "Galiza -lamenta- é o único territorio do Estado con lingua propia diferente do castelán onde acontece algo semellante".

- Do medio colaborador PRAZA pública