Sábado, 20 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Baiona, Oia e Panxón recuperan o seu topónimo oficial logo das desculpas do Ministerio de Agricultura

Baiona, Oia e Panxón recuperan o seu topónimo oficial logo das desculpas do Ministerio de Agricultura

Correo-e Imprimir PDF
sinais galego praia panxon

Como un "desafortunado error" califican dende o Ministerio de Agricultura a utilización de mapas da provincia de Pontevedra coa toponimia deturpada nun acto desta entidade en Panxón. Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón... Eran os nomes que figuraban nos paneis explicativos onde un alto cargo do Ministerio de Agricultura explicaba en rolda de prensa os proxecto de obras que se levarán a cabo no litoral galego así como as obras realizadas no paseo de Panxón, ProLingua denunciou os feitos ante o organismo e esixiu o cumprimento da legalidade lingüística "para evitar caer en esperpentos públicos" e recordándolles que "en Galicia os nosos lugares teñen un nome, un só, e é en galego, polo que pedimos que o respecten e que cumpran a legalidade vixente". ProLingua recibiu nesta xornada unha carta na que a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar recoñece o erro e admite que ese mapa "no debió utilizarse".

As explicacións do Ministerio
Na carta do director xeral de Sustentabilidade, Pablo Saavedra Inaraja, explica que na presentación da obra de recuperación do paseo de Panxón, utilizaron paneis de apoio nos que se incluía, para indicar as localizacións das obras un mapa xeográfico da provincia de Pontevedra na que se utilizaban "de forma incorrecta ciertos topónimos". Matiza que o resto da información utilizada no acto que proviña dos servizos técnicos do ministerio, "utilizaba correctamente los topónimos gallegos". Engade que o devandito mapa cos erros toponímicos, se ben estaba exposto, non se utilizou para dar as explicacións das intervencións.
Recoñece Saavedra Inaraja que non é escusa nin a antigüidade do mapa nin que ninguén fora consciente do erro. Admite que simplemente non debeu utilizarse.

Desculpas e compromiso de respectar a lingua galega
Expresa finalmente a ProLingua: "quisiera expresar mis disculpas por este desafortunado error, sobre el cual ya he dado indicaciones, para evitar que se pueda producir nuevamente. Quisiera, asimismo, trasladarles, no solo mi obligado compromiso con el cumplimiento de la legalidad lingüística, lo que conlleva el uso de la toponimia oficial, sino también mi profundo respeto por la lengua gallega, que desde este centro directivo se considera debe ser, en cuanto lengua cooficial en la Comunidad Autónoma de Galicia, objeto de especial protección".

ProLingua responde
Dende ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, agradeceron "a contestación e a boa disposición" do ministerio e pediron "que non se volva a producir unha falta de respecto semellante á nosa lingua e á nosa toponimia. Oxalá tomen boa nota outras administracións", advirten.