Venres, 18 Oct. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Gondomar A Garda Civil descúlpase por non atender denuncia dun veciño de Gondomar “por falar en galego”.

A Garda Civil descúlpase por non atender denuncia dun veciño de Gondomar “por falar en galego”.

Correo-e Imprimir PDF
resposta-garda-civil--236x300

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer pública a resposta da Garda Civil á denuncia dun caso de discriminación lingüística no cuartel de Gondomar denunciado este mes de agosto.

Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, un funcionario do cuartel da Garda Civil de Gondomar negouse a atender a chamada dun veciño de Gondomar porque este se expresaba en galego. Xosé Luís Alborés, veciño de Gondomar,chamara ao cuartel para se interesar se era ou non conveniente cursar unha denuncia contra un veciño, "con antecedentes penais", que o ameazara con baterlle cunha pedra. "chamou por teléfono ao cuartel da Garda Civil de Gondomar para expor un problema. Ao comezar a relatar o seu caso, a persoa que atendía o teléfono pediulle que "non le hablase en gallego, que le hablase en español".

Acudir ao Posto da Policía Local de Gondomar para poder expresarse en galego
O cidadán negouse a mudar de lingua, e dado que o axente non lle permitiu resolver o seu caso por teléfono, o cidadán presentouse no cuartel da Garda Civil de Gondomar onde tanto o comandante como a persoa que o atendera por teléfono dixéronlle que tiña que falar en español, e pedíronlle que non lles falase en galego. Ante as queixas do cidadán insistiron en que non teñen que saber galego e que non o atendían se non falaba español. Este insistiu en que quería pór unha denuncia ao que os axentes contestaron que se non falaba en español non o ían atender e indicáronlle que fose ao posto da Policía Local de Gondomar a ver se alí podía falar en galego.

Ao se ver discriminado polo simple feito de falar en galego, o cidadán presentou un escrito no cuartel da Garda Civil e púxose en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística, quen tramitou as pertinentes queixas perante a Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística denunciando estes feitos.

A Garda Civil viuse obrigada a desculparse

En resposta á queixa deste cidadán, desde a comandancia provincial xustificaron a incompetencia lingüística do axente na súa orixe foránea, porén desculpáronse polo sucedido recoñecendo os dereitos vulnerados do cidadán e a obriga de todos os axentes a respectar a lingua de Galicia:

"Non obstante, como responsable da Garda Civil na provincia da Pontevedra é o meu deber desculparme polo sucedido, xa que Vostede ten o dereito de usa-la lingua oficial desta Comunidade Autónoma e os axentes teñen a obriga de realiza-las xestións necesarias para poder atendelo.", sinala o tenente coronel na súa resposta.

O caso non terá consecuencias para os axentes.

Porén, malia se recoñecer a discriminación e vulneración de dereitos do cidadán, o caso non terá ningún tipo de consecuencia para os axentes implicados.

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, malia ser positivo que a garda civil pida desculpas e recoñeza formalmente os dereitos dos galegos a usarmos o noso idioma, non é de recibo que este tipo de discriminacións fiquen impunes
"Agredir dereitos fundamentais da cidadanía non debería saír de balde, e menos se a agresión provén das forzas de seguridade" sinalou o presidente da entidade en defensa da lingua. "O Estado debe tomar medidas a comezar por deixar de amparar o descoñecemento da lingua propia, que como se comproba en casos coma este, só serve para vulnerar dereitos fundamentais da cidadanía".

Da Mesa pola Normalización sinalan que dar a coñecer casos coma este é fundamental para modificar a situación malia que son centos os que permanecen ocultos ante a presión que exerce a soposta autoridade do uniforme. A entidade en defensa do galego lembra á cidadanía que todas as vulneracións de dereitos lingüísticos poden ser denunciadas a través da Liña do galego, servizo ofrecido pola Mesa, co que se pode contactar a través do 902 10 64 74, do 981 56 38 85 ou do enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo