Martes, 23 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Miles de persoas marchan polo galego

Miles de persoas marchan polo galego

Correo-e Imprimir PDF
Manifestación de Queremos Galego en Santiago - GC
17 de maio. Día das Letras Galegas,  pero tamén de reivindicación polo noso idioma. Iso fixeron miles de persoas nas principais cidades galegas con duras críticas á política que nesta materia aplica a Xunta.    'Un paso adiante e outro adiante, Galiza! Defendamos ou noso idioma'. Esa foi a pancarta de Queremos Galego que presidiu todas as marchas que saíron ao medio día e que contaron co apoio das forzas da oposición no Parlamento, así como de movementos sindicais e de diferentes colectivos culturais e estudantís.  
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego,Marcos Maceira dixo que o galego é unha lingua que está "enferma, maltratada e desprestixiada" pero pola que está disposta a loitar "moita xente, a participar no seu uso, difusión, e promoción”. “Iso é o que nos ten que alegrar porque é o que pode reverter a situación actual na que o galego por desgraza non ten a presenza que lle corresponde lexitimamente na nosa sociedade ao ser a lingua propia do noso país", dixo.
 
O portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, recorreu á ironía para falar da política lingüística da Xunta.  “Son as da analfabetización e de feito é significativo que o presidente da Xunta confunda Poemas Galegos con Cantares Galegos", dixo dnha das obras máis coñecidas da poetisa Rosalía de Castro.
 
O histórico nacionalista criticou que aínda hoxe teñan que ser os cidadáns os que defendan o idioma contra quen ten a obrigación institucional, non xa de defendelo, senón de convertelo na lingua "socialmente normalizada" nesta terra.

Críticas polo xuízo a 12 persoas

Na marcha de Compostela, o escritor Suso de Toro lamentou, como xa fixeron varias forzas políticas da oposición,  o xuízo que se iniciará o vindeiro martes contra 12 independentistas para quen a Fiscalía pide 45 anos de prisión en total e máis de 30.000 euros de multa pola súa implicación nos altercados que se produciron en febreiro de 2009 tras unha manifestación convocada pola plataforma Galicia Bilingüe na que participou UPyD.
 
"Van ser xulgados uns mozos por defender a lingua galega cando fai cinco anos veu unha deputada por Madrid, a señora Rosa Díez, con varios autobuses cheos de persoas que querían criticar o que faciamos en Galicia, que era defender a nosa lingua".
 
En Pontevedra, unha cidade gobernada polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, a multitude congregouse na Praza da Peregrina. Entre os asistentes, estaban a maioría de edís locais do Bloque, dos cales foi Demetrio Gómez quen tomou a palabra tras unha breve actuación musical para reivindicar a importancia desta data.
 
Información recollida polo xornal colaborador Galicia Confidencial